Touro, 4 de novembro do 2019 – A Plataforma Mina Touro O Pino NON prepara estes días nova documentación que presentará en Bruxelas, ante a Unión Europea, esta mesma semana.
Tras máis de dous anos de tramitación administrativa do proxecto de explotación de cobre a ceo aberto nos municipios coruñeses de Touro e O Pino, a emisión da Declaración de Impacto Ambiental (DIA) parece non ter aínda data confirmada.
A Plataforma explica que o proxecto nunca debeu ser admitido a trámite sen que antes se cumpriran os compromisos de restauración da anterior explotación. Móstranse moi críticos coa Xunta de Galicia por este retraso na decisión sobre a Declaración de Impacto Ambiental pero tamén cos dos concellos afectados, Touro e O Pino. Lembran que os equipos de goberno en ingún momento denunciaron de oficio as sondaxes en vías públicas sen permiso.
Tamén denuncian que non consta que os concellos esixiran por escrito a empresa, Cobre San Rafael, que garanta a contratación de empregados da contorna ou o coidado do medio ambiente e de recursos como os hídricos, en perigo según todos os expertos.
Nas últimas semanas Cobre San Rafael presentou á Administración novamente documentación reiterativa que non responde as cuestións expostas nos diferentes informes sectoriais. Ao mesmo tempo, a Plataforma Veciñal Mina Touro O Pino NON mantivo varias reunións cos departamentos de Medio Ambiente e Augas de Galicia, encontros dos que din que “a única conclusión clara que se pode extraer é que, tras máis de dous anos, a Xunta de Galicia aínda non fixo o seu traballo e, ademais, o seu labor limítase a inspeccionar simplemente, polo que terá que seguir sendo a cidadanía quen, ademais de pagar impostos para financiar os servizos públicos que ten o deber de proporcionar a Administración Pública, siga vixiando e denunciando as actividades ilegais realizadas pola minería nos nosos concellos”.
Por todas estas queixas, e as xa anteriormente coñecidas, esta semana membros da plataforma estarán en Bruxelas defendendo tres peticións sobre a mina na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo.
