Bisbarra, 8 de febreiro do 2025 – A situación política en Touro é posiblemente unha das máis tensas da bisbarra, tanto que o goberno en minoría podería perder 900.000 euros do POS+ 2025.

Todo comeza no pleno de xaneiro no que o PP presenta unha moción cunha serie de obras para o POS. Moción emendada polo BNG e que acaba sendo aproba polos7 votos da oposición e as 4 abstencións do grupo de goberno.
Este xoves, día 6, nun pleno extraordinario o alcalde, Roberto Castro do Movemento Veciñal de Touro (que goberno co apoio dun concelleiro do Partido Galego), leva á sesión unha proposta para o POS na que inclúe algunha das obras aprobadas pero substitúe o resto por outras non consensuadas.
A oposición considera que a moción aprobada no pleno de xaneiro ten que cumprirse, o alcalde considera que non é vinculante. O alcalde engade que “na comisión previa a este pleno extraordinario, celebrada hai unha semana, ninguén se opuxo á nova proposta e ademais todos votaron a favor”.
O concelleiro non adscrito Dario Rey aclarou a Lindeiros que o dito polo alcalde non é verdade. Segundo Darío, na Comisión o Partido Popular reservou o voto para o pleno e él votou en contra da proposta. Lembra ademais que existe un acata de dita comisión na que isto quedou reflectido.
O Partido Popular rematou pedindo a dimisión do alcalde e votando en contra. O BNG votou tamén en contra e lembrou que hai dous meses que se lle dixo ao alcalde que tiña que consensuar o POS.
Por outra banda o concelleiro non adscrito, que ata fai pouco estaba integrado no goberno, Darío Rey, abstívose e recordou que xa no anterior POS se lle entregaron os documentos 5 minutos antes e que advertira que sería a última vez que aprobara algo sen debate. A proposta foi rexeitada co que Touro non presentará en prazo as propostas para o POS. Unha liorta política que afecta a un concello cun serio problema medio ambiental coa ameaza da reapertura da Mina.
Podes ver a sesión completa do pleno no seguinte enlace
