Bisbarra, 25 de agosto do 2022 – O Movemento Veciñal de Touro denuncia o abandono que sofren as rutas de sendeirismo do concello.
O grupo lembra que hai meses levaron a pleno unha proposta para que implementar un plan de mantemento das rutas. Agora o Movemento Veciñal denuncia que múltiples tramos de sendeirismo están abandonados e impracticables.

A oposición de Touro destaca a situación da PR G 233 Fervenza das Hortas – Desembocadura do Río Lañas e a PR G 121 Ruta dos Tres Ríos. Isto provoca unha situación de perigo para os sendeiristas que atopan dificultades para seguir o camiño correcto.
A esta situación súmanse graves fallos en materia de seguridade con escalóns a altura nun estado deficiente ou pasarelas ao carón do río sen unha mínima seguridade. Todo isto nunha ubicación afastada dos núcleos de poboación na que os medios de emerxencia terían dificultades para actuar.
O grupo veciñal destaca a mala imaxe que proxecta do concello esta situación. Solicitan que se arranxe “antes de que suceda algo”. Do mesmo xeito afirman que en 9 meses, data na que se celebrarán as eleccións municipais, o Movemento Veciñal conta con obter o apoio da veciñanza para poder dar solución ás múltiples problemáticas do concello dende un goberno competente e responsable.

