Bisbarra, 2 de xaneiro do 2022 – O Movemento Veciñal de Touro denuncia un “amaño” no contrato de adxudicación da Festa da terceira idade celebrada o pasado verán.
A denuncia afectaría presuntamente a funcionarios do concello de Touro e a empresa contratada para dar o servizo. O Movemento Veciñal aportou no último plenos probas documentais do “amaño” realizado por unha funcionaria.
O contrato do servizo de comida foi publicado polo concello de Touro, na plataforma de contratos do estado, para que as empresas interesadas presentasen as súas ofertas. Os pregos recollían o menú obrigatorio con sobremesa de queixo e marmelo, e a maiores deixan aberta a posibilidade de que as empresas licitadoras ofertasen melloras á sobremesa do menú; melloras que serían valoradas no proceso de selección da empresa a contratar.
Segundo consta no expediente, a empresa que finalmente foi contratada ofertou unha mellora do menú que consistía en servir unha segunda sobremesa de xeado. A apertura das ofertas realizouse o día 3 de agosto de 2022, data ata cal ninguén tería acceso ás mesmas; sen embargo dous días antes, o 1 de agosto, a funcionaria responsable do contrato tiña xa coñecemento das melloras no menú que ofertou a empresa á que finalmente lle contrataron a comida.
Estes feitos quedaron acreditados polo intercambio de correos electrónicos entre esta funcionaria e a empresa de imprenta que elaborou as tarxetas de convite á comida. Esta funcionaria, dous días antes de abrirse as ofertas encargou á imprenta as tarxetas de convite que incluían o menú cas melloras de sobremesa ofertadas pola empresa que resultou contratada; sobremesa de queixo e marmelo e xeado.
O Movemento Veciñal, documentos en man preguntou no Pleno sobre estes feitos, ao que o alcalde Ignacio Codesido (PP) respondeu que “daquela eu non estaba aquí” en referencia a que nesa data se atopaba de vacacións e ocupaba o posto de rexedor o primeiro tenente de alcalde Jesús Martínez Pereira.