Estrada de Touro, imaxe de arquivo
Touro, 08/07/2026 – O Concello de Touro licitará nos próximos días o paquete de obras aprobado no pleno ordinario do pasado 11 de setembro, por un importe total de 295.806 euros, financiado con cargo ao Plan POS Adicional 2/2025.
O POS adicional da Deputación verase complementado cunha achega complementaria do Concello de Touro. Un investimento que chega grazas ao acordo alcanzado entre o grupo de goberno, liderado polo alcalde, Jesús Reboredo, e o concelleiro non adscrito, Darío Rey.

A pasada semana chegou a aprobación definitiva por parte da Deputación da Coruña dos fondos destinados a estas actuacións, un trámite imprescindible para poder iniciar o proceso de contratación. Unha vez publicada a licitación, as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas e, posteriormente, procederase á adxudicación e execución das obras.
O goberno local de Touro “dará a máxima prioridade á tramitación destes proxectos co obxectivo de que as actuacións poidan comezar o antes posible”. As obras previstas permitirán mellorar diferentes infraestruturas e vías municipais respondendo ás demandas veciñais e mellorando a mobilidade, a seguridade viaria e a comunicación entre distintos núcleos e servizos do municipio.
Como novidade, nos tramos situados en contornas naturais, Touro empregará formigón de cor ocre, unha solución que permitirá unha mellor integración paisaxística das actuacións e un maior respecto pola contorna.
Actuacións incluídas no paquete de obras
O POS adicional 2 da Deputación mellorará distintos lugares de Touro. Os previstos son os seguintes
– Ponte de Remesquide.
– Acceso ao campo de fútbol municipal.
– Pista Cruz Méndez–Tribás.
– Acceso interior de Cillobre.
– Pista de Grixó.
– Camiño de acceso ao lavadoiro da Muíña.
– Camiño interior no núcleo de Obra.
– Pista da Gordela–Turces.
– Pista Quintáns–Prevediños.
– Pista Vilanova–Loureda–Louredela.
