Bisbarra, 31 de xullo do 2023 – Nos concellos vanse sucedendo os plenos de organización pero non todos acaban como era de esperar, no de Touro o novo alcalde quedou sen soldo polo momento.
Roberto Castro, de Movemento Veciñal de Touro, recibiu na investidura o apoio do Partido Galego e do BNG pero non sucedeu o mesmo no pleno de organización. O goberno municipal quedou constituído cos 4 concelleiros do Movemento e 1 do Partido Galego pero o BNG non quixo entrar na coalición aínda que a oferta “está sobre a mesa e seguirá aí para cando queiran entrar” explica Roberto Castro.
A proposta organizativa do goberno levada ó Pleno polo Alcalde contemplaba unha única dedicación (parcial cunha dedicación mínima de 30 horas semanais) e unha asignación económica igual a 2 veces o salario mínimo (30.240 € brutos anuais). Esta proposta foi rexeitada polos votos de PP e BNG, deixando ó Alcalde sen salario. Esta sintonía entre PP e BNG provocou malestar e protestas entre os asistentes ó Pleno.
O único concelleiro do BNG, Xoán Louzao, chegou a presentar unha emenda á proposta salarial do Alcalde que propoñía un salario bruto anual de 15.120€. Esta emenda non se puido someter a votación por defectos de forma.
Desde o equipo de goberno o alcalde considera “inexplicable o posicionamento do Concelleiro do BNG contra a proposta salarial do Alcalde, pois fai 4 anos, cando se someteu a votación o salario do anterior rexedor, Ignacio Codesido do PP, cun importe de 43.000€, este concelleiro do BNG, propuxo un salario anual de 32.000€ e 2.200€/mes para o Alcalde-substituto por unha dedicación parcial de 25 horas semanais. Deste xeito, a proposta salarial do concelleiro do BNG para o Alcalde do PP fai 4 anos, era máis elevada que a que pide para o Alcalde actual”.
O Movemento Veciñal entende que este posicionamento conxunto de PP e BNG unicamente persegue “a dimisión do goberno pola vía da asfixia económica dos seus membros; nunha práctica da política levada á extorsión, pretensións ante as que non vai ceder o goberno”.