Melide, 15 de xullo do 2019 – O club de fútbol Cire de Melide, prepara para o mes de agosto, a trixésimo novena edición do torneo de fútbol sala Concello de Melide.
O Torneo disputarase desde o 1 de agosto ao día 23. Dende o clube Cire de Melide, explicaban a importancia de este campionato de fútbol sala para a vila de Melide vendo a cantidade de anos que leva celebrándose. Trátase dun torneo de longa tradición e que conta con un bo número de seguidores e seguidoras na comarca xa que participan equipos de toda a contorna e moitos do propio Concello.
O pavillón municipal é o escenario para o torneo. Participarán dende a categoría alevín á sénior, e tamén a categoría feminina con un total de equipos que se incrementa ano tras ano. Os premios para a categoría sénior, será de 600 euros para o primeiro clasificado e de 300 euros para o segundo.
Algúns históricos do fútbol sala participan todos os anos e algúns xogadores de gran nivel nacional asisten habitualmente a presenciar este torneo cada verán en Melide. A maiores o torneo de fútbol sala de verán preséntase para os veciños da vila como unha alternativa de ocio nas noites de verán.
O acceso ao pavillón polideportivo ten entrada gratuita durante todo o campionato, excepto na Final que se disputará o venres 23 de agosto, no que se fará efectiva unha entrada de 2 euros.
Os interesados en participar poden achegarse ata o 27 de xullo ás 20h ata a cafetería Marta e inscribirse, a inscrición será gratuita para todas as categorías excepto para os sénior que terán que facer unha achega de 100 euros por equipo. O sorteo realizarase o 27 de xullo ás 20.30h da tarde no edificio multiusos de Melide.