Toques, 16/03/2026 – A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou as obras do futuro centro de día de Toques. Unha infraestrutura para 25 usuarios que está a piques de rematarse.
Na visita, a conselleira estivo acompañada polo xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e polo alcalde de Toques, José Ángel Penas.
O novo espazo, constrúese na antiga escola municipal de Toques e suporá un investimento total de 340.000 euros, do que a Xunta achega máis do 80%. A axuda forma parte do plan de investimentos en equipamentos sociais no que entran residencias, centros de día, vivendas comunitarias e centros sociais.
Este plan foi acordado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e ten como finalidade reforzar a rede local de centros de atención ás persoas maiores. O Goberno galego destina a este plan un total de 18,5M€ de fondos europeos procedentes do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (NextGenerationEU).
No conxunto de Galicia, crearanse máis de 680 novas prazas públicas de atención residencial e de centros de día a través desta iniciativa.
Tras a visita, a conselleira de Política Social e Igualdade destacou que o Plan de Investimentos é “unha mostra máis do compromiso da Xunta coa atención ás persoas maiores”. Neste sentido, explicou que se seguirá avanzando nesta liña, co impulso de 3.500 novas prazas residenciais ata o remate da lexislatura en 2028.
