Pola mañá firmou no libro de honra e mantivo unha reunión no salón de plenos cos cativos que formarán o Consello da Infancia.
Santiago, 24/09/2016 – O pedagogo italiano Francesco Tonucci visitou este venres a cidade, convidado pola Concellaría de Educación e Cidadanía. Aquí mantivo unha intensa axenda de actividades, que incluíu unha recepción no Pazo de Raxoi e varios encontros con escolares. Para a tarde estaba prevista unha conferencia, ás 19:00 horas no IES Rosalía de Castro, baixo o título “A cidade das nenas e dos nenos: unha nova filosofía de goberno da cidade”.
A axenda comezou pola mañá cunha visita ao Concello, onde Francesco Tonucci foi recibido polo alcalde, Martiño Noriega, e outros membros da Corporación. O pensador e pedagogo italiano asinou no Libro de Honra da cidade.
Logo, Tonucci mantivo un encontro con escolares da cidade no salón de plenos do Concello. O autor de A cidade dos nenos explicoulles a unha representación do alumnado dos CEIP de Compostela o funcionamento do Consello Municipal da Infancia, que o Goberno local quere poñer en marcha de xeito oficial proximamente. Este Consello é un instrumento novidoso, que aínda funciona en poucas cidades, e que ten como obxectivo trasladar a opinión e a mirada dos nenos e nenas sobre o modelo de cidade que queren, máis alá do ámbito educativo.
Colecamiños
Aproveitando a súa visita, o Concello quixo que Francesco Tonucci coñecera a experiencia do Colecamiños, o camiño escolar seguro, en Santiago. Para iso, despois do encontro cos escolares no salón de plenos, o pedagogo fixo un pequeno percorrido polo itinerario habilitado para o CEIP Raíña Fabiola, dende Porta Faxeira. Na actividade participou o alumnado dese centro, acompañado pola mascota Moito Olliño.
Conferencia
A presenza de Tonucci en Compostela pecharase esta tarde cunha conferencia no salón de actos do IES Rosalía de Castro, baixo o título “A cidade dos nenos e das nenas: unha nova filosofía de goberno da cidade”. O acto servirá tamén de presentación do novo libro do pensador, Cando os nenos din: Basta!, editado por Kalandraka e dirixido ao profesorado, ás nais e pais, aos urbanistas, aos políticos e mesmo aos nenos e ás nenas. A cita é ás 19:00 horas.
Cidade dos nenos
O pensador e psicopedagogo italiano Francesco Tonucci traballou como mestre e, en 1966, converteuse en investigador no Instituto Psicolóxico do Consello Nacional de Investigación, do que máis tarde presidiu o Departamento de Psicopedagoxía. As súas investigacións céntranse no desenvolvemento cognitivo dos nenos e nenas, do seu pensamento e da relación entre a súa cognición e a metodoloxía educacional.
En 1991 comezou o proxecto Cidade dos nenos, que tiña como obxectivo construír unha cidade cuxo punto de referencia fosen os nenos e as nenas. O proxecto tivo moito éxito e estendeuse a outros puntos do mundo.
A este proxecto de cidade uníronse moitos alcaldes e administracións co obxectivo común de cambiar as cidades, no que se ten moi en conta as propostas dos nenos e das nenas e a súa influencia no cambio das cidades, realizando un importante exercicio de democracia para os gobernantes e constituíndo unha continua contribución de ideas frescas, orixinais e innovadoras que os adultos deberán saber transformar en política.