Derradeiro fin de semana de outubro; días fortes no CURTAS de Vilagarcía, que veñen acompañados das estreas que maiormente destacamos coma propostas na grela de novidades nos distintos canles de exhibición.
Abrimos a crítica de hoxe coa estrea nos cinemas da longametraxe do francés Sylvain White, SLENDER MAN (2018), adaptación fílmica dos diversas lendas que van nas diferentes culturas sobre o “home do saco”. Nesta ocasión, unhas adolescentes aburridas do seu baleiro existencialista nun pobo típico dos EE.UU. onde nunca ocorre nada, invocan coma broma de quedada de venres noite no soto da casa dunha delas, a Slender Man, o Ente encargado de raptar cativos, previa tortura mental incluída.
Cunha estética moi previsible coma, por desgraza, na inmensa maioría de producións do xénero, de maneira moi aburrida imos vendo coma caen coma moscas as rapazas que xogaron a meigas por un intre. White, usa os trucos de cámara e de iluminación de rigor, acompañados de estalidos no son, para buscalo chimpo fácil na butaca do espectador. É o que ten a falla de talento cando non sabes asustar da maneira correcta. Non digo con isto que teñan que dar unha lección de terror clautrofóbico coma a gozada na asfixiante THE WITCH (2015) de Eggers ou na memorable THE EXORCIST (1973) de Friedkin, filme cumio do xénero. Non; non pedimos tanto.
Acontece que xa farta ver a rapariga de quenda, que medorenta baixa as escaleiras da súa casa (a escuras e sen acender ás luces), por que escoita un ruído na cociña. Xa sabemos que algo malo vaille pasar mentres a música vai subindo nos agudos tons, ata chegar ao xiro da cámara e ¡CHAAANNN!. Susto que che criou… se tes 14 anos e non viras nunca un filme de medo. Pero iso aínda o daríamos por menos malo, se polo menos a historia a contar tivera algo de orixinal; que vai ser que non. De feito, conforme vai avanzando a metraxe, xa imos vendo como vai acabalo conto. E non trabucamos a sospeita. O epílogo pretende crear unha franquía ao estilo dos Jason, Freddie, Myers, Chucky, pero moito ten que soala frauta para que fagan máis historias da figura que no folclore popular data nas súas orixes do conto DER GROBMANN xermano de 1702.
Por non meter todo no lume da expiación, podo salvar as calidades na B.S.O. que Brandon Campbell e Ramin Djawadi fan para o filme e un certo virtuosismo na montaxe ou a coidada maquillaxe que Mathieu Baptista (responsable dos logros na GAME OF THRONES ou WESTWORLD) celebra nesta prescindible produción, que xa moito non agardaba, pero que ten uns mínimos que pugnarán ao remate do ano por levar o recoñecemento do peor filme padecido no 2018.
É un pésimo defecto que teñen os luminarias que producen este tipo de películas, que pensan nos adolescentes (o seu principal target) coma testas baleiras que fagocitan cine de esquecemento inmediato, de fast food de baixas calidades e despois contalo nas RR.SS. Xa queixábase o mestre Scorsese a pasada semana, cando recolleu o Princesa de Asturias das Artes desta praga (e algunha outra) no seu magnífico discurso de agradecemento.
E xa esquecida a pésima SLENDER MAN, imos a valorar a moi agardada HALLOWEEN (2018) de David Gordon Green, director en principio non moi apto para recollela testemuña directa do mestre John Carpenter e filmar unha secuela, corenta anos despois, do clásico que revolucionou o xénero “Slasher” e que tantas desfeitas fixeron no seu nome nas derradeiras catro décadas.
Coa perspectiva que da o paso do tempo, o filme de 1978 está por dereito propio non só dentro do mellor da filmografía de Carpenter senón tamén coma cúspide do xénero de terror. Cunha grande influenza ao PSYCHO (1960) de Hitchcock, o filme retrataba a noite de pesadelo vivida na festa de Halloween por culpa dos instintos asasinos de Michael Myers, psicópata incurable que protagonizou numerosas (e pésimas) secuelas.
Para esta ocasión, e baixo a produción do propio Carpenter, Malek Akkad e Jason Blum -responsable da magnífica GET OUT (2017)- levan a bo porto este filme que prescinde directamente do resto dos títulos relacionados coa franquía. Van oito lustros e Laurie segue obsesionada con Myers. Cunha familia desestruturada, tenta mantela garda alta tendo na súa casa-fortaleza un auténtico arsenal de armas e trampas para cando Myers volva por ela. Coma se dunha Sarah Connor ou unha Tenente Ripley se tratára, a nosa heroína non ten medo de enfrontarse ao demo. “Preguei por que Myers puidese fuxir da prisión e vir por min”, di ao sheriff. “E por que farías iso?”, responde el. “Para poder matalo”, di Laurie mentres mantén fixa a súa ollada.
Gustoume que a película conserve ese gusto pola rodaxe sinxela nos tiros da cámara, sen querer xogar ao susto fácil que denunciamos no filme anterior e que confírmase coma lacra para o xénero máis prostituído nos últimos anos. E seguindo a tendencia de personaxes femininos de forte carácter, vemos coma Myers vai levalo seu da man das mulleres da familia Strode, xa que os homes son torpes, medorentos e susceptibles de morrer cunha certa fraxilidade.
Algún “pero” pódese por na narración dos feitos. O xiro no guión do “intre do escalpelo”, aceptámolo coma recurso inverso e tremendo do “síndrome de Estocolmo”, pero non era necesario. Funciona coma elemento sorprendente, pero roza cando non traspasa, a mera incredulidade. Filme que lembrará aos rapaces que viron a de 1978, unha certa complicidade; da nostalxia ben entendida no fandom e que gustará non só aos amantes do xénero. Recomendamos que vexades o filme coa metraxe íntegra (títulos de crédito inclusive).
E coma non hai dous sen tres, outra proposta máis de terror para tódolos seguidores do xénero que son auténtica lexión de incondicionais coma ben puidemos aprezar, un ano máis, no Festival de Sitges que acabou fai poucos días. Do visto no máis importante certame de Xénero que celébrase no Estado falaremos a vindeira semana por que o cúmulo de filmes que temos na lista de espera non da outra opción.
A primeira longametraxe do vasco Paul Urkijo é un moi orixinal conto de lendas rurais tan próximas a nosa idiosincrasia de Santas Compañas, homes lobo, meigas e espíritos malignos. O ERREMENTARI (2017) de Urkijo, que con merecemento vai recollendo galardóns por alí onde vai é un filme cunha sinal de cineasta chamado a refrescar ese cinema vándalo e “de culto” que dende os primeiros traballos de Álex de la Iglesia non víramos no panorama estatal. De feito non é casual que o director de ACCIÓN MUTANTE (1993) figure na produción.
No medio do monte, deixado da man de Deus, vai un ferreiro que din que do besta e rudo que é, ten baixo tortura ao mesmo diaño. Conto esaxerado para asustar aos cativos que tentan entrar na fragua deste temperamental vulcano (nada que ver no parentesco co Spock de STAR TREK).
Cunha coidada dirección, Urkijo, que edita e escribe a historia xunto Asier Guerricaecheverría, rexuvenece ó xénero onde os protagonistas non son o que semellan. Cunhas logradas motivacións nos roles e boa aposta visual que ovacionamos con entusiasmo. Non só é capaz de alcanzalo triunfo co deseño terreal, senón que tamén gaña na imaxinería dos niveis do Averno que de seguro o propio Dante daría por bo.
Co escaso orzamento que tivo ERREMENTARI, non podo deixar de asombrarme polo nivel notable nos CIG e nos efectos visuais. O traballo de “chapa e pintura” de Tono Garzón (que lembramos da moi divertida parodia de zombis nazis DEAD SNOW 2 (2014) de Wirkola) e de non esquecer.
Filme moi recomendable aos amantes das olladas de trasnoite das sesións golfas nos festivais especializados, coma os de Avoriaz, Fantasporto… e que non ten nada que envexar a producións de investimentos colosais doutras latitudes. Seguiremos a carreira de Urkijo con moito interese. De seguro pagará a pena.
E coma colofón ante tanto terror, a adaptación cinematográfica que o sueco Björn Runge fai do grande éxito literario THE WIFE da escritora Meg Wolitz. A novela xa viña de triunfar con moita sona no Broadway neoiorquino co título de THE RIGHT THING, tanto Glenn Close coma Jeremy Irons gañaron o Tony coma mellores actores. Para a grande pantalla repite a actriz, agora no papel de esposa do escritor, despois de non poder interpretalo a actriz Frances McDormand, primeira opción. Unha mágoa, por que Close é unha boa actriz, pero McDormand é a realeza.
A propia Close tentou convencer a Gary Oldman para o rol do escritor, pero caeu finalmente no grande Jonathan Pryce, heroe persoal dende que marabilláranos nesa obra mestra absoluta chamada BRAZIL (1985) do noso admirado Terry Gilliam. Curiosamente as negativas dos dous actores foron por compromisos profesionais que lles levaron a gañar sendos Oscar coma actores principais o ano pasado.
Película que xoga nas ligas menores de orzamento e que basea o seu interese nunha aposta ao traballo dos actores, coma unha prolongación dese “teatro filmado” e que o cineasta sueco leva a bo porto en grande medida polo excepcional resumo que a guionista Jane Anderson volve a facer dunha novela case imposible de adaptar na súa totalidade para o cinema. Logro que xa tivera na formidable mini-serie OLIVE KITTERiDGE (2014) e que xa escribíramos tempo atrás sobre ela neste mesmo xornal (crónica do 9 de abril do presente ano).
O filme estreouse nos festivais no 2017, pero a súa estrea comercial retrasouse intencionadamente a estas datas para darlle as maiores opcións a Close para recibir un nomeamento aos Oscar do 2019. Aínda que queda moitas caracterizacións por ver, coido que os méritos feitos pola actriz non semellan dabondo. Pero é unha produción moi recomendable pola facilidade do seu visionado, a corrección formal na dirección, o acompañamento case imperceptible da B.S.O. que Jocelyn Pook compón para os intres adecuados (lonxe da angustiosa música que fixera para ó EYES WIDE SHUT (1999) de Kubrick) e por que tódolos homes nalgún intre da súa vida, volven ser nenos desvalidos sen a procura da súa dona. Xoguetes movidos sen fíos que tentan namorar a moza, embelesada, polo talento do xenio e non pola súa finada -xa moito tempo atrás- virilidade de macho alfa, coma víramos na singular WONDER BOYS (2000).
Recoméndoa e non só para parellas que xa van de volta de todo.
Máis nada por hoxe.
