Bisbarra, 30 de setembro do 2024 – Desde o pasado mes de xuño o Grupo de Desenvolvemento Rural Terras de Compostela esta a difundir os produtos de proximidade e os mercados locais xunto cos recursos turísticos existentes no territorio.
Terras de Compostela é o GDR encargado da xestión do xeodestino Terras de Santiago. Baixo esa mesma denominación “Terras de Santiago” e co lema “máis alá de Compostela” o GDR continuará en outubro e novembro con novas accións.
No mes de outubro, a primeira das citas será en Vedra, onde o venres 4 se celebrará un Túnel do viño con marcas da Ribeira do Ulla, subzona da denominación de orixe Rías Baixas. A xornada desenvolverase na Casa da Cultura de San Miguel de Sarandón de 20.00 a 22.00 horas.
As inscricións poden facerse por dúas vías facilitando os datos persoais: por mail na dirección cultura@concellodevedra.gal e por teléfono nos números 981 814 691 e 619 309 958.
Tamén en outubro, o GDR impulsará os seguintes eventos:
Ruta das Carballeiras en Val do Dubra o sábado 12; Xornada micolóxica en Santa Comba o domingo 20; Filloas da pedra e ruta literaria na Baña o sábado 26; visita teatralizada A montaña máxica da raíña Lupa en Rois; Feirando no rural en Negreira o domingo 27; e xornada técnica sobre as filloas de Lestedo en Boqueixón o xoves 31 de outubro.
Xa en novembro, a campaña trasladarase a Ames para participar na Feira Tantomonte Monte Tanto o sábado 23.
Un verán de actividade
Esta nova etapa, que chegará aos 11 concellos que forman o xeodestino, incidirá na produción local, as paraxes naturais e o patrimonio histórico e inmaterial. O programa botou a andar coa Feira da Terra en Teo e continuou no mes de setembro en Padrón con visitas teatralizadas centradas na traslatio, a viaxe dende Palestina ata Galicia dos restos do Apóstolo.
A pasada fin de semana Terras de Santiago chegou a Brión para desenvolver no centro comercial Monte Balado a “Feira labrega” na que promoveu dous showcooking nos que se empregaron froitas e produtos de horta da asociación de produtores locais Daquí Darredor.
Para desenvolver estas campañas, o GDR Terras de Compostela conta co apoio de Turismo de Galicia e de fondos europeos xestionados por Agader.