Brión, 9 de novembro do 2020 – O concello de Brión organiza a terceira edición de Brión Inclúe, un festival pensado para a inclusión real de persoas con discapacidade.
Brión Inclúe cumpre 3 anos en plena pandemia e por iso preparou unha programación presencial na que poñerá especial atención ás medidas de seguridade.
Desde hoxe luns e ata o 21 de novembro achégase á cidadanía unha oferta organizada polo Concello de Brión, xestionada por Culturactiva S. Coop. Galega, subvencionada pola Deputación da Coruña, cofinanciada por Gadis e Froiz e coa colaboración de Andaina PSM. A programación inclúe unha exposición de pintura online e espectáculos de teatro e danza presenciais.
Un festival pensado para integrar
Segundo o alcalde brionés, Pablo Lago, “Dende os poderes públicos temos que seguir apostando por manter proxectos que enriquecen á sociedade no seu conxunto e que loitan por unha inclusión real. A pandemia non pode botar por terra o traballo acumulado do Brión Inclúe”. Un punto no que incide Fran Rei, director do festival, que agradece a firme aposta do Concello.
Este ano a programación, tanto en contido como en horarios, está especialmente pensada e deseñada para os colectivos, facilitando así o seu desfrute e asistencia. O obxectivo de Brión Inclúe é, por un lado, servir de escaparate para aqueles colectivos que traballan na inclusión social a través das artes, e, por outro, “normalizar e visibilizar a diversidade funcional como parte propia da cidadanía a través das creacións culturais de persoas con distintas capacidades”.
Un festival que tamén aporta integración ás familias das persoas con discapacidade, que vivirán a integración real, o acceso integral á cultura e os beneficios que isto achega tanto a nivel de recoñecemento social como de propia autoestima.
Cultura libre de barreiras como protagonista.
Do 9 ao 21 de novembro Brión Inclúe presenta unha programación pensada e estudada para a inclusión transversal.
Do Luns 9 Ao 21 De Nov Redes sociais do Concello de Brión
Exposición online. Pezas do obradoiro de Arteterapia da Asociación Andaina PSM.
Xoves 12 Nov 18:00h na Sala de Exposicións
Falar a mans cheas. Obradoiro e contacontos inclusivo a cargo de Vero Rilo
Sábado 14 Nov 20.00h no Centro Cívico Cultural
Límites. Espectáculo de danza inclusiva, a cargo de Experimentadanza en colaboración con Human Dance Projet.
