Bisbarra, 21 de outubro do 2024 – A alcaldesa do Concello de Teo, Lucía Calvo de la Uz, mantivo esta semana unha xuntanza de traballo co presidente da Denominación de Orixe Rías Baixas, Isidoro Serantes, para traballar en novas vías de colaboración.
O obxectivo da xuntanza é promover e poñer en valor a viticultura desta subzona da Ribeira do Ulla. Na reunión tamén participaron o secretario da denominnación, Ramón Huidobro, a concelleira de Cultura e Turismo, Margarita Rosende, e a técnica de Turismo, Liduvina Campoamor.
Na xuntanza técnica, acordouse que o Concello solicitara a súa adhesión á Ruta do Viño Rías Baixas, co fin de poder dar unha oferta enoturística da máis alta calidade, reunindo non só aos viticultores da zona senón tamén contando con toda a cadea de valor turística e enolóxica.
É de destacar que esta ruta é o único itinerario galego incluído no selecto club das Rutas del Vino de España e na Guía de Rutas Enológicas Accesibles para Todas las Personas.
O Concello estará incluído neste itinerario etnográfico e a xente poderá desfrutar de catas de viño da Denominación de Orixe Rías Baixas, en combinación con impresionantes paisaxes, sendeiros, visitas a viñedos, aloxamentos e restaurantes de primeiro nivel, así como un amplo patrimonio vitivinícola.
Esta inclusión tamén implicaría a sinalización e localización de todos os elementos configurativos desta ruta, facendo visibles as distintas opcións para facilitar aos interesados un itinerario de calidade. Desta forma, búscase promover un enoturismo sostible en Teo, traballando da man das empresas que se asocien á Ruta para deseñar experiencias enoturísticas innovadoras que se diferencien dos seus competidores e incrementando así as oportunidades de desenvolvemento económico na zona.
Zona produtora
Teo posúe 31,44 hectáreas recoñecidas na DO Rías Baixas, das cales 27,5 ha son monovarietal de albariño e o resto plurivarietal (caíño, tinto, cabañal, espadeiro, godello, loureira branca e tinto, mencía, pedral, sousón e treixadura). Esta superficie está espallada por seis parroquias: Santa María de Teo, Vilariño, Reis, Rarís, Oza e Bamonde.
Coa adhesión do Concello nesta Ruta homologada, búscase impulsar este sector produtivo, combinando elementos naturais, etnográficos e culturais.