Bisbarra, 31 de marzo do 2023 – Xunta e concello de Teo asinan o convenio que cede a finca para o futuro centro de saúde de Teo e marca as obrigas de cada administración.
Na sinatura do convenio participaron o Conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde Teo, Rafael Sisto, acompañados polo delegado territorial da Coruña, Gonzalo Trenor, e pola xerente da área sanitaria de Santiago e Barbanza, Eloína Núñez.
No acordo, a Administración autonómica asume o compromiso de contratación do proxecto e obra, mentres que o concello asume o de realizar todos os trámites patrimoniais e urbanísticos que sexan necesarios a fin de posibilitar a cesión da parcela.
A finca reflectida no convenio contará con aproximadamente 10.460 m2. O concello asume ademais a exención do IBI. O documento recolle tamén unha bonificación do 95% para obras de especial interese municipal e da á obra do novo centro dita consideración.
A dispersión da actividade asistencial en catro centros de dimensións reducidas dificulta a planificación de persoal tanto na dotación como nas substitucións, e faise necesario poder contar cun centro de saúde que tamén teña capacidade para poder incrementar a carteira de servizos incorporando saúde bucodental.
Con ese motivo, a construción dun novo centro de saúde incluíuse no Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria de Galicia, aprobado polo Consello da Xunta o ano pasado, e que contempla a posta en marcha de 37 novos centros de saúde e a ampliación e reforma doutros 14 no conxunto da comunidade.
Se ben no proxecto inicialmente incluído no devandito Plan estaba prevista a construción do novo centro de Saúde en Teo que substituíse aos actuais de Cacheiras e Os Tilos, despois de manter unha reunión coa área sanitaria, o goberno local e os grupos políticos representados na corporación, chegouse ao acordo de mudar a decisión e o novo proxecto substituirá aos actuais centros de Cacheiras e Pontevea.
Así, o novo centro de saúde finalmente construirase no lugar da Ramallosa, ubicación que se considera a mellor para poder atender á poboación teense, decisión á que se chegou despois de manter distintas reunións nas que quedou patente a necesidade de manter en funcionamento o actual centro de saúde dos Tilos.