Bisbarra, 9 de novembro do 2024 – A alcaldesa de Teo, Lucía Calvo, e a concelleira de Cultura e Turismo, Margarita Rosende, recibiron a José Antonio Riveiro Canosa, director da ONCE en Santiago de Compostela, con motivo da presentación do cupón conmemorativo que emitirá esta Organización con motivo da Feira do San Martiño.

O cupón venderase por toda España para o sorteo que terá lugar o vindeiro martes, 12 de novembro, día seguinte á celebración desta feira, cun total de cinco millóns e medio de cupóns.
Unha feira, salientou a rexedora municipal, con máis de 500 anos de antigüidade que se segue a celebrar no mesmo lugar de antano, na famosa Carballeira de Francos.
Lucía Calvo de la Uz, agradeceulle á ONCE a súa colaboración e apoio a esta celebración, impulsando e dando a coñecer a nivel nacional o evento socio-cultural e económico máis destacado do municipio de Teo.
A alcaldesa destacou tamén a solicitude realizada este ano polo Consistorio para a declaración do San Martiño como Festa de Interese Turístico de Galicia, co fin de poder incrementar e mellorar a calidade da oferta cultural, lúdica e turística do Concello.
O obxectivo da petición é protexer e conservar o patrimonio material e inmaterial do territorio, tanto o emblemático espazo físico onde se celebra esta festa como o apego da propia veciñanza da bisbarra, afondando asemade no valor dunha memoria oral colectiva onde a feira exerce un protagonismo único.