Bisbarra, 30 de novembro do 2023 – A alcaldesa de Teo, Lucía Calvo, reuniuse co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, na procura de melloras no transporte metropolitano.
Lucía Calvo estivo acompañada pola concelleira de Transportes e Mobilidade, Teresa Castro. Na reunión analizáronse unha serie de peticións remitidas á Xunta sobre o transporte metropolitano que pasa por Teo.
Entre as peticións estaban dar servizo, a primeira hora da mañá, aos núcleos de Coira e Lampai. Tamén se reclamou o adianto das horas de saída de dous servizos na liña da Silva-Santiago E.I., unha petición que foi trasladada ao Concello pola Asociación de veciños de Sampaio de Lampai.
Tamén se pretende incluír novas paradas na liña Grela-A Ramallosa, concretamente nos lugares do Espiño, Bascuas e Ventureira; así como unha nova parada no lugar da Buela á primeira hora da tarde, co fin de dar servizo a toda a veciñanza desa zona.
O director xeral trasladoulle á alcaldesa que as súas demandas foron valoradas positivamente. Ignacio Maestro engadiu que agora serán enviadas á empresa que presta o servizo para que valore que medias se necesitan para poder aplicar as melloras.
Unha vez implementadas estas melloras o concello de Teo poderá reformular a liña municipal circular do TeoBus para garantir que as zonas rurais teñan tamén conexión co resto do municipio.
As reunións mantidas ata o de agora entre administracións buscan racionalizar os horarios e paradas das actuais liñas, co fin de que sexa un servizo útil para os cidadáns que se desprazan á capital galega.
A alcaldesa salientou que está pendente dunha nova xuntanza coa rexedora santiaguesa para pechar a modificación do actual convenio de buses urbanos. Nesta liña, cabe lembrar que Lucía Calvo solicitoulle expresamente a Sanmartín ampliar a ruta da liña 6 para que o bus chegue ata o Gadis de Cacheiras, en lugar de parar na zona dos Tilos.
A alcaldesa explica que se trata “de mellorar as conexións e ofrecer un servizo de calidade” e insistiu en que é necesario reformular as actuais frecuencias para axustarse ás necesidades da poboación, sobre todo no tocante aos horarios laborais.