Bisbarra, 29 de setembro do 2022 – O mundo anglosaxón soe dicir “no news is good news” e algo así sucede coa canteira de Calo, que non haxa nada novo é unha boa nova.
A reunión mantida pola voceira do Psoe, Uxía Lemus, co propietario de Toysal, Victor Toca, deia un feixe de declaracións pero polo momento nada máis. Do encontro só queda unha proposta de reunión que non parece prosperar.

O certo é que todos os posicionamentos parten dunha curta nota no Facebook de Lemus da que pouco ou nada se pode sacar. Unha reunión realizada a petición do propio Toca da que o único que se saca é a petición dunha nova reunión, en este caso con todos os voceiros e a Plataforma, para explorar unha negociación.
Desde o concello, na súa páxina web, as condicións son as mesmas, reunión si pero coa Xunta e a Dirección Xeral de Minas presentes. O Partido Popular, en declaracións aos medios, apela a unha unidade de acción dos partidos que rachou ao votar en contra de levar a expropiación da pista da canteira aos xulgados. Do BNG, polo momento, non lle consta a este medio un posicionamento sobre a reunión mantida e a proposta.
O escenario non cambiou ao que existía antes da reunión mantida pola voceira socialista co propietario. Tampouco parece que vaia cambiar salvo sorpresas de última hora. Un conflito que se mantén aberto e sen unha saída doada polo momento.
