Bisbarra, 3 de outubro do 2023 – A alcaldesa de Teo, Lucía Calvo de la Uz, reuniuse coa conselleira de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia, Fabiola García, coa idea dun centro de día para o concello como tema principal da conversa.
O centro de día foi un dos proxectos recorrentes durante a pasada campaña electoral das municipais. Todos os partidos coincidían na necesidade de que Teo dispoña canto antes de este servizo.
Lucía Calvo levou a esta primeira xuntanza as cuestións relativas ás características do proxecto e o seu emprazamento. Nese sentido, a idea é situalo nun punto estratéxico e de máxima comodidade para a poboación maior do municipio, que conta con máis de 4.000 habitantes que superan os 65 anos de idade.
Calvo explicou que “é moi importante sentar as bases dun proxecto vital para o concello de Teo, xa que ofrecerá un servizo básico e fundamental para o desfrute da xente maior”. A rexedora salientou que, para o concello de Teo, os maiores son un colectivo prioritario que “debemos coidar entre todos”.
Lucía Calvo interesouse tamén por outros programas que desenvolve a Consellería e que poden ser de interese para os seus veciños, como o programa Respiro Familiar, que busca ofrecer apoio e descanso aos coidadores habituais de xente maior dependente; ou o programa de Benestar en Balnearios, que ofrece estadías de 10 días a tódolos maiores de 60 anos e a aqueles que superen os 55 e sexan pensionistas, para mellorar a súa calidade de vida.