Bisbarra, 1 de marzo do 2024 – A entrada en vigor do orzamento do concello de Teo sufrirá un retraso debido a unha alegación presentada no último momento polo PXCT.
Onte tivo lugar unha sesión extraordinaria para debater a alegación presentada o último día polo Proxecto en Común de Teo, PXCT. A alegación recolle que o orzamento non consignaba o crédito necesario para o gasto en enerxía eléctrica dos bombeos.
A alcaldesa, Lucía Calvo, explicou que visto o informe emitido pola Intervención municipal, a dita reclamación debe ser admitida pero desestimada, xa que o crédito para o gasto de enerxía eléctrica dos bombeos si se consignou nos orzamentos.
Calvo de la Uz salientou que na partida 161/221.00 da área de augas están metidos 226.000 euros, unha partida que pertence á mesma bolsa de vinculación xurídica que a exposta por PXCT. Ademais, a rexedora subliñou que tamén está consignado crédito para enerxía eléctrica na partida 165/221.00 por importe de 250.000 euros.
A alcaldesa rematou informando que todo este orzamento, superior incluso ao consignado para estas partidas nos orzamentos previos de 2022, poderase ver ampliado coa xeración de créditos prevista co POS PLUS Complementario 2024, o cal, chegado o caso, se podería destinar tamén a gasto de enerxía eléctrica.
A alcaldesa lembrou que no pasado ano se destinaron máis de 600.000 euros do POS Adicional 2023 a dito gasto, conseguindo así minorar a contía do recoñecemento extraxudicial de crédito que foi onte mesmo aprobado no Pleno de febreiro con 17 votos a favor.
Tras o debate da alegación, que foi desestimada, quedaron aprobados os orzamentos municipais para o ano 2024, que se farán efectivos unha vez saian publicados no Boletín Oficial da Provincia. Porén, a alcaldesa lembrou que este feito retrasará aínda máis a posta en vigor destas contas, o que implicará un retraso no pago a provedores e outros gastos.