Bisbarra, 5 de marzo do 2025 – O concello de Teo ven de rematar os traballos, que comezaron en decembro pasado, que serviron para restaurar o coñecido como cruceiro do campo da festa no lugar de San Cristovo de Reis.

O encargado dos traballos no cruceiro foi o conservador e restaurador Xabier Bernárdez Fresco (Berna). As tarefas consistiron fundamentalmente na reconstrución da cimentación e plataforma, limpeza en seco e eliminación de depósitos e briófitas, cambio dos elementos de suxeición para asegurar a estabilidade do ben e a retirada dos “parches” de cemento que se substituirán con enxertos de perpiaños con pedra semellante á orixinal.
Outro dos cambios na contorna foi a retirada dun poste da luz que estaba ao carón do cruceiro e reubicouse nos arredores, eliminando así ese feísmo. A maioría dos danos era froito do paso do tempo si ben é certo que outras foron provocados por malas restauracións e o uso de materiais inadecuados como o cemento.
Xabier Bernardez é un reputado conservador e restaurador que traballou en algunhas das zonas da Catedral de Santiago e que foi ademais o responsable de limpar o peto de ánimas de Cacheiras, dando con pintura vermella hai uns meses.
