O concello financiarase cunha achega da Xunta de Galicia para esta obra e ademais da ponte adecuará tamén a contorna.

O Concello de Teo rehabilitará a Ponte Nova de Rarís a través dunha subvención da Xunta de Galicia, co fin de poñer en valor este patrimonio histórico. Trátase dunha petición realizada polo ente local ante o mal estado desta infraestrutura.
Os traballos consistirán en reparar o pavimento da Ponte Nova con lousas de granito e, nos accesos, colocarase un tramo de adoquín con pendente que impida a filtración de augas.
Tamén se repoñerá o peitoril e os sillares de cimentación, que agora mesmo faltan na base do estribo, ademais de consolidar as pezas e o recheado das xuntas. En canto a contorna da Ponte Nova retirarase a vexetación que causa dano e os árbores de gran envergadura que creceron preto da ponte e supoñen un perigo.
Por último, desbrozaranse e limparanse os camiños nos seguintes 20 metros despois da Ponte Nova e retiraranse ramas, troncos e lixo que se localice ata 30 metros augas arriba dentro do leito do río.

Con esta rehabilitación da ponte e a adecuación da súa contorna, preténdese promocionar e poñer en valor o patrimonio histórico do Concello, recuperando e mantendo así os elementos singulares e priorizando o seu uso tradicional.
Neste caso, as pontes de Galicia son un reflexo da riqueza cultural e grandes testemuñas e escenarios de importantes eventos históricos, polo que cómpre apostar polo seu mantemento.
O gasto total das actuacións do proxecto ascende a algo máis de 42.000 euros, dos cales o 20% son achegados polo propio Concello e o 80% restante pola Administración galega.
