Bisbarra, 23 de maio do 2024 – O concello de Teo ven de finalizar o traballo de restauración do Peto de Ánimas de Cacheiras que fora vandalizado.
O traballo correu a cargo do conservador e restaurador Xabier Bernárdez Fresco (Berna). Este Peto de Ánimas trátase dun elemento catalogado por Patrimonio e incluído no inventario de bens culturais do Plan Xeral de Ordenación Municipal (ref. C.07) que ten ademais gran veneración entre a veciñanza.
O Peto fora vandalizado con pintura vermella cara finais do pasado ano. Os danos localizáronse principalmente no retablo central no que figura a Virxe María suspendida entre as nubes tendendo a man para liberar do lume do purgatorio a tres almiñas.
A representación de meniños entre as lapas, purgando os seus pecados, é pouco habitual pois contraponse coa peculiar inocencia infantil. Xunto co de Raxó, o Peto de Ánimas de Cacheiras é unha das mellores mostras etnográficas e de arquitectura popular ao culto aos mortos e da devoción ás ánimas.
Precisamente, por esa gran importancia e veneración que ten este elemento, o Concello de Teo condenou de forma enérxica o acto de vandalismo, tramitando a correspondente denuncia e solicitando á veciñanza a súa colaboración para, ante este tipo de comportamentos destrutivos, se denuncien os actos.
Esta figura foi restaurada no ano 1987 e máis recentemente no 2009. Orixinalmente atopábase xusto no cruce entre a estrada comarcal de Santiago a Estrada coa de Cacheiras ás Galanas, pero coa reforma da actual AC-841 foi traslada ao seu emprazamento actual para garantir a súa conservación e facilitar a súa valorización.