Bisbarra, 6 de xuño do 2024 – O Concello de Teo coordina coa Policía Local e a Garda Civil do Milladoiro as medidas a levar a cabo no municipio para reforzar a vixilancia e a seguridade.
O obxectivo, explican desde o goberno municipal de Teo, é asegurar unha convivencia pacífica en todos e cada un dos barrios do concello. Con este fin a alcaldesa, Lucía Calvo de la Uz, mantivo unha reunión no Consistorio con membros de ambos efectivos policiais.
Tras os roubos rexistrados nos últimos meses en Teo, a alcaldesa solicitou unha maior presenza destes efectivos para actuar como medida disuasoria ante calquera tentativa, primando a seguridade nas 13 parroquias. Así mesmo, a rexedora municipal tamén avanzou que se está estudando aumentar a seguridade e vixilancia polas noites da fin de semana por parte dos efectivos locais.
Este incremento do número de policías é unha petición moi demandada pola veciñanza e que ata o de agora non fora posible levar a cabo porque nos últimos anos non se convocaron novas prazas de policía local. Coa aprobación do orzamento para o ano 2024, o Concello si reforzará a Policía Local, pasando das 9 ás 11 prazas.
O concello aprobou no último pleno delegar na Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia as competencias relativas á convocatoria e desenvolvemento dos procesos selectivos para o acceso ás diferentes categorías do corpo, incluídas as prazas de auxiliares de Policía Local.
Desta forma, será a Academia Galega de Seguridade Pública quen se encargue desta cuestión. Tendo en conta a poboación censada por quilómetro cadrado, é máis que necesario incrementar o número de efectivos locais. Unha cuestión na que o Goberno teense está traballando para que sexa unha realidade o antes posible. De feito, o Concello iniciou unha rolda de contactos coas asociacións de veciños para tratar todas estas cuestións.