Bisbarra, 11 de outubro do 2023 – O Concello de Teo e a entidade sen ánimo de lucro Ecovidrio veñen de chegar a un acordo para impulsar a reciclaxe de envases de vidro nos aproximadamente 70 establecementos hostaleiros do municipio.
A alcaldesa de Teo, Lucía Calvo de la Uz, lembra que a canle HORECA (hostalería, restauración e catering), xera o 52% dos envases de vidro dun só uso, “polo que a súa colaboración é clave para incrementar as cifras de recollida selectiva e acadar os obxectivos de reciclaxe”.
O concello realizará visitas personalizadas aos responsables dos establecementos hostaleiros para informarlles sobre a obrigatoriedade de separar os envases de vidro, en liña co cumprimento da Ordenanza Municipal que regulamenta ese eido. Durante as próximas semanas, o equipo de educadores ambientais realizará ademais enquisas e entrevistas a tódolos establecementos de hostalaría, para coñecer as súas necesidades e poder adecuar os recursos existentes.
Os axentes ofrecerán información polo miúdo aos responsables dos locais sobre como reciclar correctamente e acerca das vantaxes sociais, económicas e medioambientais que ten a reciclaxe dos envases de vidro. Co obxectivo de facilitar a reciclaxe entregaranse sen custo algún cubos adaptados para o transporte deses envases.
O vidro que se deposita nos colectores recíclase ao 100% e empregase para a fabricación de novos envases, de forma indefinida e sen perder as propiedades orixinais. A reciclaxe de envases de vidro é un elemento fundamental para contribuír ao desenvolvemento sostible, fomentar a transición cara á economía circular e loitar contra o cambio climático.
Trátase ademais dunha actividade que apoia o cumprimento da Axenda 2030 e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible; concretamente, o de Cidades e comunidades sostibles (11), Produción e consumo responsables (12) e Acción polo clima (13).