Bisbarra, 23 de novembro do 2022 – O grupo socialista de Teo ven de denunciar que o PP propón cambios na Lei do Solo que benefician a Toysal, propietaria da canteira da Casalonga.
Segundo os socialistas unha emenda do PP aos orzamentos que eles mesmo presentan permitirá instalar plantas de tratamento de residuos en calquera solo rústico de Galicia, sexa cal sexa o seu tipo.
O Psoe de Teo esixe que se retire a emenda que modifica o artigo 35 da Lei do Solo que facilita esas instalacións. Lembra que o veto imposto polo concello á instalación dunha planta de biogas baseábase nun informe do arquitecto municipal, no ano 2018, que acataba a normativa estatal.
O Psoe denuncia que o PP aproveita a Lei de acompañamento dos orzamentos para “fomentar que empresas como Toysal poidan colocar plantas de residuos en calque solo rústico de Galicia”.
A voceira socialista, Uxía Lemus, explica que “O PP de Teo di que quere negociar mentres que os seus dirixentes en Galicia están a fortalecer a Toysal e ás empresas xestoras de residuos, de forma directa e cun debate mínimo, pasando o rodillo”. Lemus anuncia que se fomentará e apoiará calquera medida de presión para evitar este atropelo normativo.