займ срочно

Teo recupera a iluminación de Nadal

0

Bisbarra, 28 de novembro do 2023 – Tras anos de polémica sobre a conveniencia ou non de ter alumeado de Nadal, o concello de Teo o recupera para esta edición.

A iluminación de Nadal no concello de Teo acenderase este vindeiro sábado 2 de decembro, na praza da Estivada da Ribeira ás 19,30 horas. O concello anima a toda a veciñanza para que participe do acto e da chocolatada con churros que se servirá de balde.

A iluminación estará presente nas 13 parroquias que conforman o municipio, logo de anos sen poder desfrutar dela. Ademais, no exterior do Concello e do auditorio municipal de Teo colocarase o Recuncho de Nadal, un espazo onde estará a Caixa de Correos Real para que cada crianza poida entregar con tempo a súa carta aos Reis Magos.

En varias prazas do concello, en glorietas e nas 13 igrexas parroquiais, colocaranse ademais numerosas figuras iluminativas. O obxectivo é que haxa algún motivo iluminado en cada parroquia pero serán as áreas comerciais as máis destacadas.

Ao longo do mes de decembro haberá numerosas actividades no auditorio Constante Liste. O mesmo sábado 2 de novembro terá lugar o Show Máxico co Mago Cayetano Lledó, unha actividade para toda a familia previa inscrición na páxina web do Concello.

O domingo 10 será a quenda de Vía Morta, de Pallasos en Rebeldía e Culturactiva Producións, unha obra que pretende rescatar o tema das persoas refuxiadas e que contará con dous pases pola mañá. Ademais, a través da Concellaría de Cultura e de Educación, o alumnado de 1º de bacharelato poderá desfrutar tamén desta obra. 

O venres 15 será a rapazada do IES de Cacheiras os que presenten A luz das candeas, unha obra para todos os públicos, previa reserva na web do Concello. Esta obra tamén a poderá gozar o alumnado dos tres centros de Educación Infantil e Primaria de Teo.

O domingo 17 terá lugar o “Cantateo: encontro de corais de Teo”, onde participarán as de Cruceiro do Monte, San Simón de Cacheiras, a Polifónica de Luou.

Por último, o venres 22, Os fabulosos Cleaners, de Malasombra Producións, asombrará aos máis cativos co seu espectáculo de pompas de xabón, tamén con inscrición previa.

Este mes de decembro tamén haberá unha nova edición dos “Obradoiros de animación á lectura”, da man de Fadatea e os seus amigos. Así, na biblioteca dos Tilos organizaranse o sábado 9 diversos obradoiros artísticos e contos para a rapazada de 6 a 10 anos, previa reserva en teo.gal.

A última semana do mes celebraranse dúas actividades que, por razóns meteorolóxicas, non puideron levarse a cabo no San Martiño. O mércores 27 no pavillón de Calo haberá actividades varias da man de “A eira do paporrubio”, cun espectáculo de monicreques en directo. O venres 29 será a quenda da Gladiators Kids no parque dos Tilos, un evento deportivo familiar consistente nunha proba de obstáculos para nenos de 3 a 11 anos, acompañados dun adulto (para anotarse en www.gladiatorraceoficial.com) e totalmente de balde para os participantes.

Cabalgata de reis inclusiva

Xa no mes de xaneiro, as súas maxestades de Oriente volverán visitar Teo. Chegarán á estación de tren de Osebe o día 5 ás 15,08 horas e despois farán un percorrido polos locais das distintas asociacións (Calo, A Pontevella, Os Tilos e Rosalía de Castro) e, xa pola tardiña, farase a recepción oficial no Pavillón Ezequiel Mosquera da Ramallosa. Este ano, como novidade, farase unha recepción silenciosa no Auditorio Constante Liste ás 15,50 horas, en colaboración coas asociacións BolboreTEA e Aspamite para as persoas con diversidade e problemas co ruído. Desta forma, todos os nenos e nenas poderán desfrutar da presenza dos Reis Magos no concello de Teo.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies