Teo, 03/10/2026 – O Pleno do Concello de Teo aprobou por maioría unha moción de urxencia do Partido Popular sobre os problemas hidráulicos detectados nas obras de mellora e ensanche da estrada provincial DP-8202 entre As Galanas e Cacheiras, coñecida como “variante de Cacheiras”.
Na moción recóllese que existen indicios de que a solución de drenaxe executada nesta estrada poida estar modificando as condicións de escorrentía e concentrando augas pluviais cara a un regato que atravesa unha zona residencial, o que podería derivar en incidencias sobre as vivendas, parcelas e vías de acceso situadas augas abaixo da estrada.
O Concello tivo coñecemento da preocupación existente entre a veciñanza afectada, que presentaron un escrito advertindo dos problemas que se están producindo na zona e do temor a que a nova infraestrutura poida incrementar o risco de inundación.
Ante isto, e a través desta moción, o Concello de Teo insta á Deputación Provincial da Coruña a que, con carácter urxente e antes da finalización e recepción das obras da DP-8202, realice unha revisión técnica e hidráulica integral do sistema de drenaxe executado, considerando non só a capacidade de evacuación da plataforma viaria, senón tamén os efectos da captación, concentración e vertedura das augas sobre o regato receptor, as obras de paso existentes e as vivendas, parcelas e vías de acceso situadas augas abaixo.
Teo tamén solicita ao ente provincial, para a variante de Cacheiras, que comprobe a solución prevista e executada respecto das instalacións de enerxía eléctrica e telecomunicacións afectadas pola actuación e que, cando resulte esixible de acordo co proxecto aprobado e coa normativa aplicable, proceda ao seu soterramento e á retirada dos postes e elementos aéreos que deban ser eliminados.
