A seguridade no rural ten unha dificultade engadida pola dispersión de poboación en Galicia. De cando en vez un robo ou outro tipo de delitos xeran preocupación na veciñanza e a Garda Civil, responsable no rural, segue padecendo de falta de efectivos.

Sobre estes temas tratou a reunión mantida entre a alcaldesa de Teo, Lucía Calvo de la Uz, e o comandante do posto principal da Garda Civil en Milladoiro, Jesús Tobar. Un encontro no que tamén participou o xefe da Policía Local de Teo, Manuel Parga.
O obxectivo da reunión foi coñecer de primeira man os traballos de vixilancia no municipio, ante os numerosos roubos rexistrados nas últimas semanas en toda a comarca. A rexedora municipal trasladoulle ao comandante a súa preocupación e sinalou que acaba de solicitarlle ao delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, un incremento dos efectivos da Garda Civil para o posto do Milladoiro, co fin de ampliar tamén o número de dotacións de vixilancia en todo o territorio teense.
Por outra banda a alcaldesa propuxo colocar cámaras de vixilancia en diferentes puntos do concello, como medida de disuasión e seguridade. Unha medida que virá tamén acompañada dun novo reforzo de persoal no corpo da Policía Local.
Durante a xuntanza, tamén estudaron as diferentes medidas de colaboración entre ambas forzas e corpos de seguridade, as investigacións que se están levando a cabo e os froitos acadados nos últimos días, con varias detencións e postas a disposición xudicial. A alcaldesa sinalou que se trata dunha situación preocupante pero confía no bo traballo coordinado entre a Garda Civil e a Policía Local de Teo. Así mesmo, reiterou a total disposición do Concello ante calquera petición, pois o obxectivo final é que os roubos finalicen e se deteñan aos causantes.
