Teo, 30 de decembro do 2020 – O concello de Teo preparou unha Autocabalgata moi especial que percorrerá o cinco de xaneiro as parroquias do concello.
Dada a situación sanitaria é preciso coidar dos Reis e dos veciños e por iso as súas Maxestades irán en 3 autobuses históricos que farán de carrozas reais. A Autocabalgata anunciará a súa chegada a unha parroquia con música de Nadal para que todo o mundo se asome a fiestra para velos pasar.
É importante evitar saír á rúa a pé, xa que aos Reis Magos non lles gusta que ninguén incumpla as recomendacións e normativas, e xa falaron ca policía local para que non se permitan as aglomeracións de xente nas rúas.
Recepción oficial
Pero as novidades non acaban aí porque os Reis Magos tamén participarán nunha recepción oficial, co formato do autocine, e para participar os veciños poden inscribirse en este enlace.
A recepción contará con todas as medidas de seguridade sanitaria. Participarase desde dentro dos coches no campo da festa de Cacheiras ( o novo ), e por quendas de horas; haberá distintos pases para que poidan acudir todas as familias que o desexen.
Ademais da presenza dos Reis Magos a recepción terá pequenos espectáculos da man dos Roedores Peludiño e Munda de Redrum Teatro. Estas compañías presentarán a outros amigos moi especiais e coñecidos da tele para todos os nenos.
Dende a radio do coche escoitaranse os espectáculos e o tradicional discurso dos Reis Magos, e veranse ademias nunha pantalla xigante LED. Finalmente os coches pasarán por diante deles un a un e en primeira fila para saudalos en directo, e incluso sacarlles unha foto pero sempre sen saír do coche.