A modificación do PXOM de Teo considerase puntual non substancial. O obxectivo é regular as actuacións permitidas e ampliar as posibilidades de desenvolvemento en áreas de actuación residencial.
Esta nova Modificación Puntual propón, por un lado, ampliar as posibilidades de desenvolvemento urbanístico en Teo, engadindo un novo apartado que especifique as obras permitidas e garantindo así unha maior claridade e flexibilidade na aplicación da normativa.

Neste senso, tamén se regula as obras permitidas para os soares que están vacantes de edificación pero que si contan coa correspondente ordenación de desenvolvemento aprobada.
Por outro lado, incorpóranse en Teo novos usos nas plantas semisotos, sen vinculación á planta superior. Desta forma, dótanse as edificacións de máis autonomía ao permitir implantar novas actividades, o cal redunda nunha mellora da calidade de vida dos residentes nas edificacións.
Ademais dos actuais usos permitidos, súmanse o relixioso, deportivo, salas de reunións para menos de 300 persoas e comercial, tamén para menos de 300 persoas.
Estudo de viabilidade
Outro tema de gran calado que se presentou neste Pleno de abril foi o estudo de viabilidade económico-financeira para a adxudicación do contrato de concesión dos servizos nas instalacións deportivas municipais da piscina cuberta climatizada da Ramallosa e das de verán de Luou e Os Tilos.
Un dos 18 contratos que traballan en precario, estando prorrogado dende a etapa do Covid. Unha vez aprobado este estudo de viabilidade, someterase a exposición pública durante un mes, delegando na Alcaldía a aprobación definitiva do mesmo unha vez resoltas as alegacións, de seren presentadas. Seguidamente, iniciarase o expediente para a contratación da concesión deste servizo por un período de 20 anos e un orzamento de 22.984.520 euros.
O actual estudo de viabilidade recolle a suba dun 20% das tarifas (máximo de 4 euros mensuais nos abonos individuais e 6 nos familiares), inferior en calquera caso da suba que deberían ter experimentado polo IPC dende o ano 2017 e, sendo estes prezos inferiores aos das instalacións municipais de concellos da contorna.
Neste incremento de abono previsto inclúese o acceso a todas as actividades de sala da piscina da Ramallosa, o que na actualidade implicaba un custo adicional de 12 euros mensuais, así como un aumento das horas de apertura das piscinas de Luou e Os Tilos.
Cómpre salientar, ademais, que esta suba débese tamén á necesidade de mellorar as instalacións da piscina da Ramallosa, o que inclúe reparación de deficiencias, a inclusión de novos espazos que incidirán nunha mellora do benestar e da saúde dos usuarios das instalacións, así como a substitución de equipamento deportivo, mobiliario e equipamento informático diverso.
Outros temas tratados
Así mesmo, renovouse o convenio de cooperación entre a Deputación Provincial da Coruña e os concellos de Teo, Ames, Brión, Santiago de Compostela, Val do Dubra e Vedra para regular o proxecto “Parque Compostela Rupestre”, por un período de catro anos.
Este proxecto ten como obxectivo garantir a conservación e favorecer a posta en valor da arte rupestre da comarca de Compostela e doutros bens culturais da súa contorna, tal e como acontece cos túmulos megalíticos do Monte Piquiño situado aquí en Teo.
Por último, tamén se aprobou o nomeamento de Roberto Vilar e Rafael Romero Masiá como fillos adoptivos de Teo en 2025, xunto cunha mención de honra para a asociación “Teenses pola Igualdade”.
Unha proposta que se centra no traballo levado a cabo por todos eles, contribuíndo a espallar a cultura e a arte, así como o nome de Galicia e de Teo, polo mundo adiante e defendendo, no caso da asociación, a igualdade de oportunidades en todos os eidos da vida de forma conxunta.