Bisbarra, 27 de decembro do 2024 – O pleno ordinario de decembro no concello de Teo prioriza o investimento nos servizos sociais e destinará a este fin o POS + adicional 2025.

O concello recibirá da Deputación un total de 114.311,71 euros que se destinarán a servizos sociais extraordinarios. De esta partida 108.624,71 euros serán asignados á ampliación do servizo de axuda no fogar.
Esta aportación económica servirá para actuacións de carácter básico o outras que se presten nos domicilios dos usuarios como servizo de perruquería, xantar na casa ou comedor sobre rodas, entre outras.
Así mesmo, outros 5.687 euros, dedicaranse á adquisición de equipamento para o desenvolvemento dos programas de servizos sociais e do traballo dos equipos técnicos de servizos sociais.
Adhesión á asociación

Outro tema que se debateu no Pleno de decembro foi a adhesión de Teo á asociación de concellos galegos afectados pola autoestrada de peaxe AP9 e a correspondente aprobación do seus estatutos.
Neste senso, cabe lembrar que os municipios afectados polo paso desta autoestrada acadaron o obxectivo de recadar o importe total do IBI-BICES, logo da reclamación realizada a comezos de ano. Deste xeito, a concesionaria AUDASA pagará o 100% do imposto, mentres que antes os concellos só percibían un 5%.
Con esta asociación búscase fomentar e defender os intereses dos municipios integrados e, en particular, en todos os aspectos relacionados con esta autoestrada e a súa incidencia en calquera materia que afecte aos territorios dos municipios polos quye transitan estas vías de comunicación.
Plan anual normativo
Tamén foi aprobado o Plan anual normativo do Concello de Teo, é dicir, as previsións de aprobación e modificación de regulamentos e de ordenanzas fiscais reguladoras.
A intención é mudar a ordenanza fiscal reguladora do Imposto sobre bens inmobles; a ordenanza fiscal reguladora da taxa pola entrada de vehículos a través das beirarrúas e por reserva da vía pública para aparcadoiro exclusivo, carga e descarga de mercadorías de calquera clase.
Tamén se modificarán a ordenanza fiscal reguladora da taxa por uso de instalacións deportivas e culturais e a ordenanza da taxa pola utilización privativa do dominio público para a venda ambulante; así como as ordenanzas de hortas urbanas e a da taxa por prestación de servizos e actividades relacionadas coa hixiene urbana.
Así mesmo, para o ano 2025 preténdese aprobar a ordenanza fiscal reguladora da taxa por actos de utilización privativa ou aproveitamento especial de dominio público local derivados de execución de obras.