Bisbarra, 27 de setembro do 2024 – O pleno de Teo aprobou por unanimidade unha moción Socialista, emendada polo Partido Popular, para solicitar á Xunta de Galicia a ampliación das instalacións do Instituto de Educación Secundaria de Cacheiras.
Tal e como recolle a moción e a emenda presentada, o municipio de Teo conta na actualidade cun censo que supera os 19.200 habitantes coa previsión de superar a barreira dos 20.000 nun curto prazo de tempo.
Tendo en conta esta previsión de crecemento, “dada polo impulso ao futuro polígono industrial, a creación de vivenda pública e por ser unha moi boa alternativa a Santiago de Compostela”, a Corporación Municipal “ve necesario e urxente ampliar as instalacións do único centro de Secundaria que hai en Teo”.
Un centro, expuxeron en ambos manifestos, que acolle a todo o alumnado procedente dos centros de Educación Infantil e Primaria sitos no municipio, ademais das cinco escolas unitarias que forman parte do Colexio Rural Agrupado. Polo tanto cómpre tamén ampliar o número de prazas para facilitar e promover unha ensinanza de calidade para todos os nenos e nenas residentes no concello.
A moción emendada propón solicitar á Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional o estudo urxente de ampliación e renovación das instalacións do IES de Cacheiras, sendo a Oficina Técnica e a Inspección Educativa os entes que decidan a mellor fórmula para a dita ampliación.
Para iso, tamén se propón solicitar ao Goberno galego a súa colaboración e implicación na mellora da cobertura educativa de Teo e unha partida orzamentaria para que a obra sexa unha realidade a curto/medio prazo.
A alcaldesa Lucía Calvo de la Uz aproveitou a súa intervención para lembrar todos os compromisos adquiridos en materia educativa. Puxo en valor “os 1,5 millóns de euros que se investirán na vindeira reforma integral do CEIP A Igrexa-Calo”, unha demanda que a propia alcaldesa lle trasladou ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez, en decembro de 2023, xunto con outras peticións do resto de centros educativos.
Esta demanda foi tomada a ben e ratificada polo propio presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na pasada xuntanza celebrada neste mes de setembro. Prevese que as obras de reforma comecen ao longo do vindeiro ano 2025.
Tamén no vindeiro exercicio se reformará toda a cuberta do CEIP Os Tilos e se cambiará a caldeira central, cun orzamento de 350.000 euros ratificados tamén na reunión mantida co presidente do Goberno galego.
Agora, salientou a rexedora, cómpre tamén poñer o foco na mellora, acondicionamento e ampliación do centro de secundaria teense, posto que o actual edificio queda pequeno para todo o alumnado que acolle.
Mocións de urxencia
Tamén foron aprobadas por unanimidade dúas mocións de urxencia presentadas polos grupos do Bloque Nacionalista Galego de Teo e do Partido Socialista de Teo, ambas para solicitar a gratuidade do tramo Santiago-Padrón da AP-9, debido aos problemas estruturais que van supoñer as obras de humanización do Milladoiro, xa que o tráfico desviado ocasionará, previsiblemente, unha carga adicional e un embotellamento para as vías teenses, concretamente ao seu paso por Calo, Balcaide e As Galanas. Desta forma, a gratuidade deste tramo permitiría desviar o tráfico rodado e minimizaría a carga viaria na N-550.