Teo, 30 de xuño do 2022 – A tranquilidade do pleno de Teo viuse alterada a pasada noite ao saltar a alarma de incendios cando se debatía unha moción de apoio ás traballadoras de axuda no fogar.

No exterior da casa consistorial tivo lugar unha concentración que subiu o volume da protesta no momento no que se trataba a situación laboral de ditas traballadoras. Un estoupido producido pouco tempo antes puidera ser o que fixera saltar a alarma como se ve no vídeo
Tras uns minutos nos que estivo detida a sesión, se puído retomar cando foi apagada a alarma.
A moción en debate fora presentada por urxencia polo BNG. Reclamaba que se recoñecera o traballo e a función social das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar; instar a Xunta de Galicia a que, xunto con empresas e sindicatos, procuren o cumprimento do convenio laboral e se pague o 6,5 de subida pactada; e finalmente instar a empresa a cumprir convenio como necesidade recollida no prego de condicións da concesión.
En este último punto o concelleiro de asuntos sociais, Nacho Iglesias, explicou que xa se instou a empresa pero todo queda a expensas do que decida o xulgado do social sobre as denuncias presentadas polas traballadoras. Por outra banda explicou que a vixilancia do cumprimento da concesión depende do técnico de contratación quen, polo momento e ata a resolución xudicial, non aprecia dito incumprimento. A moción foi aprobada por unanimidade.
Trasnporte escolar
O Partido Socialista levou a pleno unha moción para reivindicar melloras no transporte escolar que foi finalmente aprobada por unanimidade. O Partido Popular aproveitou para pedir melloras na seguridade viaria nos centros de ensino de Cacheiras. A concelleira responsable, María López, explicou que xa se estaba traballado no tema pero que a falta de espazo en algúns puntos impedía concretar a obra aínda que se buscarían alternativas.
Medidas antifraude
O equipo de goberno incluíu na orde do día o plan de medidas antifraude do Concello de Teo, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia para a xestión dos fondos europeos. Unha cuestión que quedou finalmente sobre a mesa xa que, segundo explicou o alcalde Rafa Sisto, os funcionarios non estaban de acordo na composición da comisión encargada de elaborar o plan e buscaríase un acordo con eles antes de levalo a pleno.
Praza dos Tilos

Outro dos temas que se levu a esta sesión foi a proposta de alcaldía para nomear a praza do parque dos Tilos, como praza do Mercado labrego. O mercado comezou a funcionar os sábados en esta praza no ano 2012. No ano 2016 rematouse a cuberta da praza na que se realiza o mercado. A proposta busca conmemorar o décimo aniversario do mercado dándolle o seu nome á praza na que se ubica, un espazo importante na urbanización dos Tilos. O nome de Praza do mercado labrego foi finalmente aprobado co apoio do equipo de goberno de son de Teo e do BNG e a abstención do Psoe e do PP.

