Teo cede unha parcela de 10.539 metros cadrados , situada no lugar da Ramallosa e que albergará o inmoble no que se ubicará o Centro de Saúde.

O concello de Teo da un impulso ao novo centro de saúde coa sinatura da cesión gratuíta da parcela da Ramallosa na que se construirá. O investimento previsto pola Xunta é de arredor de 4,3 millóns de euros para a nova infraestrutura sanitaria.
A cesión foi asinada ante notario pola directora xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde, Amparo Pousada, e pola alcaldesa de Teo, Lucía Calvo de la Uz. Está previsto que o novo centro de saúde teña unha superficie que superará os 1.800 m2.
A construción deste centro de saúde permitirá achegar unha mellor atención asistencial ao conxunto da poboación deste municipio, ao verse ampliadas tanto súas dimensións, como a súa carteira de servizos. O novo inmoble substituirá os actuais centros de saúde de Cacheiras e de Pontevea, posibilitando unha mellor planificación do seus cadros de persoal ao concentrar a súa actividade.
O seguinte paso será a licitación da redacción do proxecto. A Xunta agarda contar co proxecto básico e de execución da obra na primeira metade de 2026 para, posteriormente, licitar e adxudicar a súa construción.
De acordo co Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria da Xunta, a construción do novo centro de saúde encádrase na fase 2 da dita planificación. Non obstante, a celeridade coa que o Concello de Teo cedeu uns terreos axeitados para erguer a nova edificación posibilitará que os veciños poidan contar con esta infraestrutura sanitaria antes do previsto.
Plan funcional
O novo centro de saúde de Teo estará dotado con 16 consultas de adultos, unha área de saúde bucodental, un despacho de traballador social, dúas salas de técnicas, unha de urxencias, unha sala de toma de mostras e unha sala de espera de extraccións.
Tamén disporá dunha área de atención pediatría con dúas consultas, unha consulta de matrona, unha de enfermería pediátrica, unha sala de observación e unha sala de docencia, entre outras dependencias.
O Plan funcional deseñado para este novo centro de saúde prevé o incremento de 2 consultas de medicina, 2 de enfermería, 1 de farmacia e 1 sala de técnicas, unha área de saúde bucodental, así como un despacho de traballador social. Por outra banda na área de pediatría ampliarase o número de consultas de 1 a 2 e dotarase o centro cunha sala de enfermería pediátrica e unha sala de observación.
Tamén disporá dunha sala destinada á docencia, unha zona de vestiario de pacientes e dous despachos para coordinación e atención ao usuario.