Bisbarra, 30 de setembro do 2024 – Teo conta cun novo vehículo, con etiqueta eco, para o desenvolvemento do traballo da súa brigada forestal.
A nova furgoneta de Teo adquiriuse mediante unha subvención da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, no marco o Fondo de Compensación Ambiental.
A alcaldesa, Lucía Calvo de la Uz, acompañada polo concelleiro de Desenvolvemento Industrial, Economía Local e Parques e Xardíns, Ángel Barreiro, recibiron esta semana o vehículo.
A rexedora de Teo salientou que se trata dun investimento moi necesario “pois a brigada forestal estaba a empregar ano tras ano vehículos de alugueiro que non cumprían coa normativa específica para os traballos que desenvolve”.
Neste senso, salientou que “a brigada desempeña un papel crucial na conservación e mantemento dos ecosistemas naturais, sendo a mobilidade un factor esencial para asegurar unha resposta eficaz e oportuna ante calquera situación que poida poñer en perigo a biodiversidade e o patrimonio natural”.
Este novo vehículo, con etiqueta cero ou eco, é dos máis indicados para desprazarse polos contornos naturais do concello, ademais de contar con capacidade de carga dabondo para levar a maquinaria e a ferramenta específica de uso cotián da brigada.
Do mesmo xeito, o vehículo ofrece unha redución significativa das emisións contaminantes atmosféricas, minimizando así o impacto negativo sobre a calidade do aire e a saúde dos ecosistemas forestais.