Yeo Montero Rey
Noia, 25/02/26 – O Noia Harp Fest comezou converténdose nunha referencia no mundo da arpa en toda a península. O seguinte foi crear o Portus Apostoli, un premio que incentivara as composicións para este instrumento.
Na edición 2026 o gañador do Portus Apostoli foi o coruñés Teo Montero coa obra “Alén do azul”. O xurado salienta “a escritura orquestral moi sólida e orgánica, con texturas interesantes e contrastes instrumentais”
Será a IV edición do Premio Internacional de Composición Portus Apostoli, convocado polo Festival Internacional de Arpa Vila de Noia.
O galardón, que conleva unha achega económica de 4.000 euros, suporá tamén a estrea absoluta da obra durante a celebración da 13ª edición do Noia Harp Fest, que decorrerá do 29 de xullo ao 1 de agosto, da man da Real Filharmonía de Galicia.

Teo Montero Rey
O é o único festival do noroeste peninsular dedicado á arpa. O Premio Portus Apostoli é ao mesmo tempo un certame innovador que naceu no 2021 co obxectivo de ampliar o repertorio existente de obras para arpa e orquestra.
Nesta cuarta edición, convocada o pasado mes de maio, o concurso recibiu un total de nove propostas, todas elas chegadas de cinco países europeos e de Estados Unidos.

O tribunal, conformado polo compositor Fernando Buide, que exerceu de presidente do xurado, o director de orquestra Fernando Briones, a arpista da OSG Céline Landelle e a arpista Alba Barreiro, como secretaria sen voto, decidiu declarar gañadora a obra de Montero Rey “pola súa escritura orquestral, moi sólida e orgánica, con texturas interesantes e contrastes instrumentais”. “A parte de arpa é moi variada e utiliza técnicamente moi ben o instrumento.
Estruturalmente conta cunha boa narrativa musical, unha cadencia de arpa e un clímax orquestral constrúen un arco dramático final moi coherente”, apunta o xurado do Portus Apostoli.
Teo Montero Rey (A Coruña, 2005) é compositor e pianista que estudou no CMUS de Culleredo e no Conservatorio Superior de Música ‘Eduardo Martínez Toner’ do Principado de Asturias.
Na súa traxectoria, suma diversos recoñecementos, como o Primeiro Premio do I Concurso Intercentros-Melómano de Composición Fundación SGAE, o IV Concurso Internacional de Composición Coral ‘Xogos Tonais’, o III Concurso de Composición Coral EVG e do 7º Concurso de Composición del CONSMUPA.
O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia (Noia Harp Fest) celebrará a súa 13ª edición do 29 de xullo ao 1 de agosto deste 2026.
O evento cultural regresará este verán ás rúas e recintos singulares da localidade coruñesa para descubrir ao público novas sonoridades e propostas artísticas chegadas tanto de Galicia como de diferentes países de Europa, África e América.
Noia Harp Fest é unha cita imprescindible no calendario musical do verán galego, pois é a única cita de todo o noroeste peninsular que se dedica, exclusivamente, a fiar a súa programación a través da interpretación musical dun único instrumento: a arpa.
Cunha ducia de edicións ás costas, polos seus escenarios pasaron algunhas das mellores arpistas das últimas décadas, como tamén as xeracións máis novas das escolas de Galicia.
Estilos moi diversos, intérpretes de diferentes xeracións e orixes, e propostas para formato máis íntimo ou para grandes escenarios conviven nun programa que, cada ano, conta co selo de calidade de quen asina a dirección artística do evento: a asociación Noia Harp Fest, conformada polas principais arpistas do país.
A 13ª edición do Festival Internacional de Arpa Vila de Noia está organizada por Nalgures Producións, baixo a dirección da asociación Noia Harp Fest, e conta co apoio institucional do Concello de Noia, Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia, e de Acción Cultural Española AC/E, ademais da colaboración da Deputación da Coruña.
