Bisbarra, 2 de outubro do 2024 – O concello de Teo dedica o mes de outubro ao teatro cunha gran oferta para todos os públicos.
Unha intensa programación que encherá o auditorio municipal Constante Liste de compañías e obras de teatro tanto para adultos como para un público infantil. A programación de este mes en Teo abrirase o vindeiro sábado día 5 con Malasombra Teatro e a peza “Dalgo hai que morrer”.
Dous prestixiosos e peculiares científicos, o profesor Jeckill e o profesor Hyde, divulgan as súas investigacións sobre un tema que afecta ao cento por cento da poboación de todo o mundo, sen distinción de raza, sexo ou condición: a morte.
O venres 11 será a quenda do Obradoiro de Teatro Municipal de Teo con “Anacos”. Este grupo ofrecerá a súa obra para un público adulto e tamén para a xente moza, demostrando todo o aprendido en dramaturxia e interpretación.
Ao día seguinte, sábado 12, tocará “Ás para Álex”, un espectáculo de Baobab Teatro para público familiar, a partir de 6 anos de idade. Unha obra de teatro que trata un tema moi necesario: a esperanza e o xogo para superar as dificultades, neste caso, para superar e soportar unha enfermidade.
A seguinte fin de semana, o sábado 19, será a quenda de Redrum Teatro coa súa peza “Os contos de Lobicán”, un espectáculo musical protagonizado por Victoria Pérez e o veciño teense Guillermo Carbajo e que busca darlle a volta aos contos clásicos ao tempo que transmite unha mensaxe educativa e valores universais como a amizade, a cooperación, o respecto pola natureza, o pensamento crítico e a importancia da imaxinación. Unha obra destinada a nenos e nenas de entre 3 e 8 anos.
Esta actuación, que se estrea precisamente en Teo, servirá de apertura a unha xira que incluirá actuacións en varias vilas de Galicia. Ademais, tamén será representada nos tres centros de Educación Infantil e Primaria de Teo, da man da Departamento de Educación.
Circuíto Galego de Teatro amador
No mes do teatro de Teo tamén hai oco para o Circuíto Galego de Teatro Amador FegaTeatro 2024, no que poderemos ver e desfrutar das distintas compañías de teatro afeccionado coas súas últimas obras.
Fauna 113 Teatro presentará o domingo 20 a obra “Os veciños do lado”, onde María e Pedro son unha parella convencional que recibe a visita dos seus novos veciños: Rosa e Ignacio. O que en principio parece unha cea de cortesía entre descoñecidos deparará un encontro disparatado de dobres intencións e segredos inconfesables.
O venres 25 é a quenda de “En venda”, de Os Trasnos Teatro. Unha comedia con denuncia social, que nos lembra que nunca é tarde para cumprir os soños. O sábado 26 collerá as rendas Max Teatro con “Encarcelados”, contándo a relación entre unha presidiaria e o seu axente encargado de vixiala, nunha noite especial.
Remata o mes de teatro o domingo 27 coa peza “Get Back”, de Porta Aberta Teatro. Ambientada no Londres do século XXI, o público poderá ver como unha parada de metro pode ser a porta a unha viaxe ao pasado de todos os personaxes.