Bisbarra, 9 de xaneiro do 2024 – A Xunta de Galicia aceptou as alegacións presentadas polo Partido Popular na anterior lexislatura e poderá mellorar as paradas de autobús do sur do concello de Teo.

O obxectivo e mellorar a accesibilidade e conectividade das paradas de bus situadas na zona de Pontevea e Cacheiras. Os cambios son froito das reunións mantidas no seu día coa veciñanza da zona e coa asociación de empresarios afectados.
A parada que estaba prevista ao carón do establecemento Pernas (15082-25-2 Pontevea) non se vai levar a cabo porque afectaría ao normal desenvolvemento da actividade comercial do entorno, quedando polo tanto anulada a súa proxección.
Por outra banda a parada 15082-25-1, tamén en Pontevea, será redeseñada na redacción do proxecto de construción, reducindo a afección ao aparcadoiro lindante e dando cumprimento á normativa de accesibilidade, mantendo así as condicións de seguridade da parada.
Tamén se reformará a parada 15082-110-2 Cacheiras-Gardería para minimizar o impacto sobre as prazas de aparcamento polo que trasladarase a marquesiña proxectada. Cambiarán tamén de situación os colectores de lixo que están situados preto da parada 15082-59-2 Cacheiras-Canaletto para conseguir máis prazas de aparcamento. Por último, tal e como se solicitara, vaise a reducir a lonxitude das cuñas da parada 15082-17-2 Cacheiras (en Travesía de Cacheiras, 89) para eliminar menos prazas de aparcamento.
Desta forma, con estes cambios mellórase a accesibilidade nas paradas, xa que se localizarán en emprazamentos óptimos e con boa visibilidade, reforzando así a seguridade viaria. Pero, ademais, tamén se consegue minorar a anulación de prazas de estacionamento e, de feito, o Goberno local está estudando alternativas para ampliar ditas prazas na AC-841, proporcionando dende o Concello novas zonas de aparcamento co fin de resolver unha problemática existente no municipio dende fai varios anos.