Bisbarra, 8 de setembro do 2023 – A Asociación de Pais de Persoas con Diversidade Funcional de Teo, Aspamite, ven de mellorar as instalacións do seu Centro Social situado nas Galanas.
Os traballos na sede de Aspamite foron posibles grazas ao financiamento da Xunta de Galicia a través dos fondos do 0,7% do IRPF procedente das persoas contribuíntes que marcaron a casiña 106 de “Actividades de interese xeral consideradas de interese social” na súa declaración da Renda.
As obras realizáronse durante o mes de agosto e serviron para a mellora das condicións térmicas, acústicas e enerxéticas do local. Un espazo cedido polo concello de Teo a Aspamite durante 50 anos.
A través deste investimento procedeuse ao cambio de todas as portas e fiestras do local social por outras que permiten o illamento do centro, fomentando así un aforro enerxético considerable.
Para a execución desta obra a entidade tivo tamén a colaboración de COGAMI, da que forma parte, que se encargou da xestión dos traballos. A Asociación de Pais de Persoas con Diversidade Funcional (ASPAMITE) é unha organización sen fins de lucro e declarada de Utilidade Pública constituída no ano 1994 para a atención a persoas con diversidade funcional.