Bisbarra, 17 de agosto do 2022 – O concello de Teo rende homenaxe este venres a Ánxel Casal nun acto que lembra tamén a todos os veciños represaliados no ano 36.
A homenaxe a Ánxel Casal, e por extensión aos represaliados, celebrarase as oito da tarde de este venres 19 na Estivada da Ribeira en Cacheiras. A continuación terá lugar unha ofrenda floral no monólito situado neste mesmo emprazamento.
O acto estará conducido polo alcalde de Teo, Rafael Sisto, e no mesmo participarán representantes institucionais dos Concellos de Arzúa e Santiago de Compostela. Tamén tomarán a palabra membros da Asociación A Oliveira, precursora desta homenaxe.
Realizará o acompañamento musical a este acto os grupos teenses Aldomir e Suasebe da A.C. A Mámoa de Luou.
O último alcalde republicano
Con esta serie de actos o Concello de Teo e a Asociación A Oliveira tratan de manter vivo o recoñecemento a Ánxel Casal (A Coruña 1895-Cacheiras 1936), quen destacou polo seu labor como editor e político. Foi o último alcalde republicano da cidade de Santiago e militou no Partido Galeguista dende a súa creación.
Tras o triunfo do levantamento do 18 de 1936 de xullo foi detido e paseado o 19 de agosto. O seu corpo apareceu ao carón da estrada en Cacheiras, onde hoxe un monólito lembra a súa memoria.
Homenaxe a Avelino Pousa Antelo e entrega do IX caxato de Avelino
O sábado vinte de agosto cadrando coa data do pasamento de Avelino Pousa Antelo, na Casa do Concello de Teo, a Irmandade Avelino Pousa, xunto coa Irmandade Manuel María e AC Xermolos farán recoñecemento do VIII Caxato de Avelino a Xaime Félix Arlindo López Arias, persoa moi vinculada a Avelino así como ao alumno deste, Valentín Arias.
Natural de Sarria, é mestre, graduado social e licenciado en dereito, ademais de cronista oficial de Sarria. O mantedor do acto este ano será Baldomero Iglesias Dobarro (Mero).
Esta edición da entrega do caxato de Avelino é moi especial xa que se compren dez anos do seu pasamento. No acto farase mención ás persoas que nestes anos xa recibiron o caxato pola súa vinculación ou amizade con Avelino Pousa.
Logo do acto de entrega do caxato, as persoas participantes dirixiranse ao Paseo Avelino Pousa, na urbanización Os Verxeis, na parroquia de Oza, para realizar unha ofrenda floral no monólito que alí hai en honra de Avelino Pousa.
Avelino Pousa Antelo era fillo adoptivo do Concello de Teo.