Teo, 05/11/2026 – O Concello de Teo presenta unha nova edición da súa Feira do San Martiño, declarada o pasado ano como Festa de Interese Turístico de Galicia. Celebrarase os días 8, 10 e 11 de novembro na Carballeira de Francos, mantendo así a súa ubicación orixinaria dende fai máis de 500 anos.
Como novidades, este ano o pregón será o martes 10 de novembro e correrá a cargo do grupo de música tradicional da asociación cultural Rosalía de Castro de Cacheiras, dando así voz e protagonismo ás distintas asociacións que conforman a rede de Teo. Unha forma de dalos tamén a coñecer e de que formen parte da propia programación do San Martiño. Seguidamente, será a quenda da cantante galega Pili Pampín, quen dará un concerto na carpa institucional da carballeira para todos os asistentes, de forma totalmente gratuíta. Por último, como xa é tradición, comezarán as foliadas nas polbeiras coa charanga A Ponte Vella.
O mércores, 11 de novembro, darase paso ao día grande do San Martiño. Como cada ano, desde as 6 horas da mañá abrirase a trata de gando cabalar. Tamén estará permitida a chegada de cabaleiros e cabaleiras a cabalo. A partir das 9.00 horas, abrirase o mercado tradicional, a zona das polbeiras e a feira de artesanía, xunto cunha exposición de Artesanía Alimentaria feita en Teo.

Ao longo da mañá, haberá diversas experiencias de calidade agroalimentaria, para as cales deberán inscribirse previamente na páxina web municipal, no apartado de actividades. Ademais dun túnel dos viños da Ribeira do Ulla, haberá cociña ao vivo con produtos de tempada e unha cata de queixos con Denominación de Orixe Protexida galegos e de Artesanía Alimentaria.
O Concello segue apostando polos produtos de calidade para que a xente poida coñecer as súas características e cualidades e, sobre todo, desfrutar deles. Por último, e mantendo as boas costumes, andará “O Cego na feira” pola carballeira, amenizando coa súa música e actuación. Tamén o fará o grupo de música tradicional da AC Rosalía de Castro de Cacheiras, os pregoeiros desta edición do San Martiño.
A Feiriña
O domingo, 8 de novembro, será a Feiriña do San Martiño, con diversas actividades pensadas para os máis pequenos da casa. Ademais dos obradoiros de chaveiros e galletas de Martiño O Cabaliño, que sempre teñen moi boa acollida, tamén haberá unha xincana familiar e unha ruta guiada polo Colectivo A Rula. Ademais, este ano contaremos cun bautismo e carrusel hípico. A xornada rematará co teatro musical “A Feira das Linguas”.

A xuventude matén a tradición
A nena teense Mara Cajaraville Pereira, de 9 anos e veciña da Ramallosa, protagoniza xunto coa súa egua Jaca o vídeo promocional da Feira do San Martiño 2026. Gravado na Carballeira de Francos, con esta campaña o Concello de Teo pon o foco na transmisión xeracional desta tradición que se celebra no municipio desde 1557.
A elección de Mara conecta directamente co espírito dunha feira que segue viva porque cada xeración foi transmitindo á seguinte o costume de ir á feira cada 11 de novembro. Esa é precisamente a idea sobre a que xira a primeira parte da peza audiovisual: Mara explícalle a Jaca, para quen será a súa primeira feira, como cada ano a carballeira volve encherse de cabalos e de xente que mantén viva unha tradición de séculos.
O vídeo enlaza esa historia colectiva coa historia particular da familia Cajaraville, orixinaria da parroquia de Recesende e moi vinculada tanto ao mundo cabalar como ao San Martiño. “Xa meu avó traía a meu pai a cabalo cando era un meniño. Este ano, nós tamén formaremos parte da súa historia”, dille Mara ao fermoso exemplar de pura raza española nunha das escenas. Unha frase que resume o fío emocional da campaña deste ano: como o cariño polo San Martiño prende na veciñanza teense desde a infancia e se transmite de xeración en xeración desde fai case cincocentos anos.
Mara é un bo exemplo. Filla maior de Marcos Cajaraville e Eva Pereira, medrou nunha casa na que os cabalos forman parte da vida familiar. O seu bisavó xa era un grande afeccionado, pero foi o avó Manuel quen mercou o primeiro exemplar da familia. A día de hoxe, este segue sen perder unha edición da feira de Francos, á que ata hai pouco acudía montando, tradición que hoxe mantén o seu fillo Marcos sempre que pode.
Convertida aos seus nove anos nunha firme herdeira desta paixón familiar, a Mara fíxolle moita ilusión protagonizar o vídeo promocional do San Martiño deste ano, rodado na Carballeira de Francos nunha tarde de outono na que a pequena contou con seus pais de asistentes e con Jaca como a mellor aliada.
