Bisbarra, 29 de outubro do 2024 – A Feira do San Martiño de Teo 2024 arrancará este ano co concerto de Astarot e contará cunha entrega de premios para os propios tratantes de gando.

O Concello de Teo presentou unha nova edición da súa feira cabalar San Martiño de Francos 2024, da man das asociacións culturais que colaboran no festexo. No acto estiveron a alcaldesa, Lucía Calvo de la Uz, a concelleira de Cultura e Turismo, Margarita Rosende, e representantes das asociacións culturais O Colectivo A Rula, a Sociedade Recreativa San Xoán de Calo, a asociación veciñal Carballeira de Francos e a asociación Artesanía de Teo.
A oferta de actividades é ampla e concéntrase nunha fin de semana de troula, obradoiros e actividades de todo tipo. Esta edición arrincará o venres, 8 de novembro, coa lectura do pregón á cargo do comunicador e divulgador científico, Ignacio Balboa, tamén veciño de Teo.
Seguidamente, animarán os festexos a banda de rock Astarot, na Carballeira de Francos, a partir das 21.30 horas da noite. Será un espectáculo de balde que dará inicio ao evento socio-cultural e económico máis importante do municipio.
O sábado 9 de novembro celebrarase pola mañá unha ruta interpretativa polas terras da Raíña Lupa, mentres que pola tarde haberá unha proxección e coloquio sobre o paso do tempo polo San Martiño. Ambas actividades correrán a cargo da asociación cultural Colectivo A Rula.
Esa mesma tarde haberá unha escape room sobre a Igualdade, promovido polo Centro de Información á Muller (CIM) de Teo. Actividade que no pasado Dia da Muller Rural tivo moi boa acollida entre os asistentes. Para rematar o día, foliada polos distintos postos das polbeiras, amenizada polo Asociación Musical Ghazafellos co seu concerto “Gaitas ao lombo”.
O domingo chega “A Feiriña, Martiño Cabaliño”, pensada para desfrutar en familia recreando o mundo cabalar, dándolle así prioridade nas actividades aos máis pequenos da casa. Ademais dos obradoiros de chapas e galletas de Martiño O Cabaliño, pola mañá haberá o “Xogo dos cabaliños”, un xogo de mesa xigante na carpa institucional e, pola tarde, unha xincana sobre cabalos e lendas con recompensa final e deseñado ad hoc pola cooperativa Amarelas e un obradoiro para a construción dun cabaliño de pau. Cara as 17.30 horas será a quenda de Pakolas, co seu concerto “As máis molonas de Pakolas”, tamén na carpa institucional. Remataremos a xornada con outra foliada nos postos das polbeiras co grupo “Os Esfolladores de Illobre”.
Día grande do San Martiño
Como cada ano, desde as 6 horas da mañá abrirá a trata de gando cabalar. Este ano, co fin de homenaxear a xente do cabalo, haberá entrega de agasallos e premios aos tratantes que participen na feira. Será a partir das 11.00 horas, galardoando aos tratante máis maior e ao máis novo, ao tratante con máis cabezas de gando e o que teña maior diversidade equina.

Do mesmo xeito, haberá un pequeno agasallo para todas aquelas persoas que asistan á feira a cabalo, conservando así esta valiosa tradición centenaria e asegurando a súa transmisión ás futuras xeracións.
Ese día tamén estará presente o mercado tradicional e o de artesanía, con demostracións en vivo. Desta forma, potenciarase os produtos locais, dándolle tamén protagonismo aos produtos de tempada cun pequeno obradoiro de cociña en directo e a posterior degustación de pratos con cabaza e castaña.
Ao longo da mañá levaranse a cabo catas e degustacións, para as cales haberá que inscribirse previamente na páxina web do Concello, dos catro queixos galegos con Denominación de Orixe Protexida, da Mel de Galicia, de Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia, maridados con produtos de Artesanía Alimentaria, e de viños das diferentes subzonas da DO Rías Baixas.
Para os máis pequenos tamén haberá diversos espectáculos, entre eles os organizados pola tradicional A Barraca de Barriga Verde, en sesión de mañá e tarde, un espectáculo itinerante de música en vivo con “O Cego na feira” e a compañía de Charanga Calo, que se encargará de amenizar o día.
Feira histórica
Esta feira, que se celebra cada ano o 11 de novembro, está especializada na venda do gando cabalar, mular e asnal e conta con máis de 500 anos de antigüidade. De feito, na actualidade segue sendo unha das datas de referencia no calendario festivo e afectivo da veciñanza de Teo e da bisbarra de Compostela.
Precisamente, dada a súa relevancia e peso no concello de Teo, o Goberno local considerou necesario solicitar novamente á Xunta de Galicia a súa declaración como Festa de Interese Turístico de Galicia, apelando o seu alto valor cultural, gastronómico e etnográfico, salientando as súas características centradas na tradición gandeira do país e promocionando tamén os produtos locais e artesáns.