Bisbarra, 20 de outubro do 2023 – Hoxe venres o concello de Teo inaugura nos Tilos, na praza do Mercado Labrego, a exposición de rúa “Viaxando. Coleccións de Arte Afundación e ABANCA”.
Trátase dunha proposta que amosa pezas das Coleccións de Arte Afundación e ABANCA que convidan a viaxar, ben por Galicia, ben arredor do mundo. A cronoloxía vai desde finais do século XIX ata a actualidade, e cada unha delas vai acompañada dun texto escrito pola crítica de arte Mercedes Rozas.
O concepto de “Viaxando. Coleccións de Arte Afundación e ABANCA”. é a viaxe, que sempre supuxo unha procura de bagaxe intelectual, un desexo de experiencia e un xeito de descubrir novos rumbos para a produción artística.
Corrente Cultural é unha aposta de ABANCA e Afundación para difundir cultura por toda Galicia, polos diferentes municipios e contando coa súa colaboración, construíndo unha rede de calidade que leve novas propostas máis aló dos edificios da empresa. As iniciativas que conforman este ciclo parten dunha produción de nivel, con interese específico para a comunidade e unha estreita vinculación coas nosas tradicións e historia.
Na presentación está previsto que participen Lucía Calvo de la Uz, alcaldesa de Teo; Margarita Rosende Rodríguez, concelleira de Cultura, Turismo, Festas Tradicionais e Festexos de Teo; José Manuel Vilariño Orgeira, coordinador institucional de ABANCA na Coruña; e Paloma Vela, coordinadora adxunta de Cultura de Afundación.
A mostra estará en Teo ata o vindeiro 12 de novembro.