Bisbarra, 12 de xaneiro do 2025 – O vindeiro venres, dia 17, o artista Juan Perrisco inaugura en Teo a exposición Flectoralia que se mostrará ata o 7 de febreiro.

Flectoralia inaugurarase ás sete e media da tarde no Auditorio Municipal da Ramallosa. Juan Perrisco ofrecerá ademais, á veciñanza de Teo, clases de pintura de balde no local do obradoiro de artes plásticas de Tras do Eixo, en Cacheiras.
Flectoralia estça formada por un total de 24 pezas, onde cada unha das obras contará unha historia única de cambio e revelación. Esta exposición invitará ao público a explorar e reflexionar sobre os momentos cruciais que conforman a vida, afondando sobre a capacidade do ser humano para integrarse e transformarse na sociedade.
O galego Juan Perrisco expuxo en todo o territorio nacional asi como en Estados Unidos, Reino Unido, Portugal e Polonia. A obra é diversa e ambigua, con referencias a movementos de vangarda e xogando con recursos do surrealismo.
Clases de pintura de balde
Ademais, o artista ofrecerá clases de pintura de balde para a veciñanza de Teo. Serán un total de tres xornadas (18 e 25 de xaneiro e 1 de febreiro) en horario de 11.00 a 13.00 horas no local do obradoiro de artes plásticas de Tras do Eixo, en Cacheiras.
Para poder participar, o vindeiro luns abrirase o prazo para anotarse como actividade do Concello. Os interesados poderán inscribirse na propia páxina web do Concello. A capacidade será de 15 persoas, que deberán asistir aos tres días de clase.