Skip to content
Lindeiros

Lindeiros

Lindeiros, o xornal da bisbarra de Compostela e da súa capital,

Primary Menu
  • Xeral
  • Axenda
  • Concellos
  • Contacta
  • Teo
  • Xeral

77 anos para exhumar os corpos dos asasinados en Luou, Teo

usc fosa luou 28 novembro 2025

A recuperación dos mortos da guerra civil e da posguerra é unha das tarefas pendentes máis dolorosas dunha etapa negra da nosa historia como sociedade. Exhumar a fosa de Luou, que acollía os asasinados nunha emboscada de 1948, é un paso máis no bo camiño.

A exhumación de Luou forma parte do Plan de Memoria Democrática dirixidos polo grupo interdisciplinar coordinado e dirixido polo grupo Histagra da USC e do CISPAC, coincidindo fortuitamente co 50 aniversario da morte de Franco.

Os traballos deron cun resultado “altamente positivo” ao atopar o que o estudo histórico anunciaba, agora á espera de que o Imelga da Xunta de Galicia e o Incifor da USC confirmen que efectivamente son os corpos de catro membros da resistencia antifascista galega asasinados en 1948.

Ese ano, Europa reconstruía a democracia tras a Segunda Guerra Mundial, mentres a España de Franco quedaba illada da paz das democracias vencedoras: en Núremberg tocaba ao fin os xuízos contra os crimes contra a humanidade e os xenocidios, a ONU condenara o réxime franquista e os países democráticos retiraran os seus embaixadores.

Internamente, imperaba un estado de non dereito marcado pola ausencia de garantías: o Decreto-Lei de 1947 institucionalizou a violencia contra a guerrilla, incluíndo execucións sen xuízo e torturas.

Neste contexto insírese a actividade da V Agrupación do Exército Guerrilleiro, supostamente baixo o mando de Benigno Andrade “Foucellas”, á que pertencían os seis homes que na primavera de 1948 chegaron aos montes de Teo.

Tras a morte de Miguel Nicolás Esperante “O Corcheiro” en abril dese ano, o destacamento quedou reducido a Florentino Palacios Menéndez, Ricardo Fernández Carlés, Vicente López Novo, Manuel Agrasar Cajaraville, Benigno Andrade “Foucellas” e José Remuiñán Barreiro. Con este grupo reorganizado comeza o tramo final do seu percorrido e que anteceden ao asasinato dos catro guerrilleiros e o seu enterramento na fosa de Luou.

O 19 de maio de 1948

Na investigación da USC reconstruíronse as semanas previas ao 19 de maio de 1948, co agrupamento movéndose polos montes de Teo, Pontevea e o sur de Santiago na procura de colaboradores do Réxime, repartindo propaganda ou simplemente mercando tabaco.

A súa presenza está confirmada hoxe pola memoria directa de persoas que daquela eran crianzas e que lembran ter visto os guerrilleiros por Lampai, Pontevea e aldeas próximas, ou mesmo pasar polas súas casas.

A Causa 262/1948 (AIMNOR), instruída contra os dous guerrilleiros que supostamente lograron fuxir o 19 de maio, é a principal fonte escrita para reconstruír os feitos ocorridos en Loureiro (Luou, Teo) no 19 de maio, aínda que condicionada pola lóxica xurídica e política do réxime e polo marco normativo que amparaba a violencia institucional dos golpistas de 1936

O sumario, dirixido polo capitán de Artillería Celestino Valcuende Fernández, recolle que o capitán da Garda Civil Nemesio Portal Aparicio ordenou unha ampla batida polos montes de Teo, Padrón e Pontevea. Sería o 19 de maio, arredor das 16:30 horas, cando supostamente se realiza un rexistro na casa de Carmen Mosquera Parajó, a casa de Vilas.

Segundo a memoria oral, alguén se “foi da lingua” e os seis guerrilleiros que descansaban no palleiro foron sorprendidos polas partidas da Garda Civil. No enfrontamento morreu un garda civil e catro guerrilleiros; dous foron abatidos preto da casa e outros dous apareceron máis afastados ao día seguinte.

O libro de defuncións parroquial indica que Manuel Agrasar Cajaraville e Vicente López Novo foron atopados mortos na mañá do 20 de maio, o que abre interrogantes sobre a cronoloxía recollida no atestado, reforzados por testemuños orais que mencionan a posible tortura e execución posterior de dous deles, “algo sobre o que as probas forenses poderían botar luz”, explican os investigadores.

Na tarde dese 20 de maio, os catro corpos foron transportados nun carro de bois polo veciño José Mosquera e soterrados nunha fosa do cemiterio da igrexa de Santa María de Luou.

Resultados positivos

Foron precisamente catro os corpos localizados e exhumados na actuación desenvolvida durante dúas semanas en Luou na área sinalada polo estudo histórico. “Inicialmente contemplouse que a fosa puidese estar baixo o osario construído en 1951, pero tras retirar o estrato superficial identificouse unha área negativa de aproximadamente 2 × 2 metros, que coincidía coa localización prevista tras a pesquisa documental”, explica Lucía Santiago, investigadora de Histagra e coordinadora do equipo en campo. Só unha das vítimas conservaba calzado e tres obxectos —un chisqueiro, unha navalla e un cinto— que están a ser analizados.

A disposición dos corpos evidenciaba un espazo de violencia: brazos en posicións antinaturais, corpos superpostos e ausencia case total de obxectos persoais. “A forma en que foran depositados podería ser compatible con que fosen botados á fosa desde arriba, algo que deberá ser confirmado polo estudo antropolóxico e forense”, explica Sergio Sánchez, director da intervención arqueolóxica e integrante de Tempos Arqueólogos, que advirte que tamén apareceron dous proxectís asociados ao enterramento, “o que reforza a interpretación dunha morte violenta coherente coas fontes históricas analizadas por Lucía”.

Da exhumación á identificación: unha nova fase

Os restos atópanse actualmente no laboratorio do IMELGA-Xunta de Galicia, onde están a ser analizados polo antropólogo forense Fernando Serrulla Rech. A seguinte fase será a análise xenética, realizada polo equipo do Instituto de Ciencias Forenses Luis Concheiro (Incifor-USC), coa que se agarda identificar cada un dos catro individuos e restaurar a súa identidade, orixe e integridade.

Mais o proceso, como sinala o equipo de HISTAGRA, non remata coa identificación. Dentro do Plan de Memoria Democrática de Galicia están previstas accións de devolución de coñecemento á cidadanía e iniciativas de memorialización.

“O obxectivo é transformar un espazo de violencia nun espazo de coñecemento e verdade, dando un novo significado á fosa de Luou como lugar de memoria democrática, para comprender o pasado, acompañar ás familias e recoñecer a dignidade que lles quixeron arrebatar”, explican.

Plan de Memoria Democrática

O Plan Cuatrienal de Memoria Democrática de Galicia (2025–2028) foi asinado nun convenio pola Xunta de Galicia e a USC, a través do Grupo Histagra, e son os profesores de Historia Contemporánea Lourenzo Fernández Prieto e Antonio Miguez Macho quen coordinan un equipo interdisciplinar formado por arqueólogos dirixidos polo profesor da USC Jose Carlos Sánchez Pardo, o antropólogo forense do IMELGA Fernando Serrulla Rech e o equipo de xenética do Incifor-USC dirixido por María Victoria Lareu. A execución técnica da escavación realizouna Tempos Arqueólogos.

Post navigation

Previous: A Deputación e Cámara de Comercio colaboran no programa Provincia Emprendedora
Next: Ames entrará como socio na Mancomunidade Serra do Barbanza

Máis novas

U dos novos autobuses do transporte urbvano de Santiago coa nova imaxe que terán
1 minute read
  • Xeral

Desbloqueado o novo transporte urbano de Compostela

NOGA, colectivo de narración oral galega, traballa baixo o lema “Somos o que contamos”
3 minutes read
  • Xeral

Xornadas sobre narración galega en Padrón

Compostela-semana-patrimonio-invisible_131352-slide_r
7 minutes read
  • Axenda

Descubrindo o patrimonio de Compostela

Casa Consistrorial de brion
3 minutes read
  • Brión

Denuncian os prexuízos dos cambios no Bono Concilia

estrada Santiago a Portodemouros
2 minutes read
  • Xeral

A Deputación licita a mellora da estrada de Santiago a Portomouro

Melide asina convenio coa asociacion Melisa
4 minutes read
  • Xeral

Melide e a asociación MeLiSA facilitan o acceso á tecnoloxía

Actos vandálicos na Casa da Mina de Santa Comba
3 minutes read
  • Santa Comba

Actos vandálicos na Casa da Mina de Santa Comba

O concello organiza un curso para incorporarse á cociña colaborativa do coworking
2 minutes read
  • Axenda

“Transformando en Brión” convoca un curso de formación

Etiquetas

25N (53) alcaldes (78) asociacións e fundacións (2084) Ciencia (115) Comercio e empresa (663) Coronavirus (278) Crechas (38) Cultura (2792) Curtocircuito (40) Deportes (749) Economía (449) Educación (772) eleccions (44) Emprego (241) Entroido (42) Festas e Feiras (619) Festivais (836) Galego (145) Institucións (1432) lixo (88) Mancomunidade de Ordes (45) Mandingo (92) Medio Ambiente (1618) muller (187) Nadal (200) Obradoiro Cab (79) o máis lido da semana (55) Patrimonio (817) Plataforma Casalonga limpa de residuos (81) Plataforma Veciñal Mina Touro O Pino NON (42) Plenos (730) Politica (942) saúde (529) Servizos (2685) sindicatos (109) Social (563) sucesos (131) Tabernalia (184) Tecnoloxía (46) Transporte e estradas (696) Turismo (222) Universidade (582) urbanismo (264) xuntas de goberno (37) Xustiza (120)
  • Facebook
  • X
  • Instagram
  • BSky
  • Youtube
  • Whatsapp
Copyright © 2026 All rights reserved. | MoreNews by AF themes.

We use our own and third-party cookies to ensure the website works properly, measure usage, and improve our services. You can accept all cookies, reject non-essential cookies, or configure your preferences. Cookie policy

Configure cookies

Required for the website to work correctly. They cannot be disabled from this panel.

Help measure site usage and improve its content.

Allow advertising, campaign measurement, or ad personalization.

Store preferences or enable non-essential external content.