Teo, 4 de xaneiro do 2021 – O concello de Teo apoiara ás familias nas distintas etapas da educción dos fillos cunha escola mensual.
Esta escola de familias, explican, será un espazo de encontro mensual, formación e debate sobre diferentes temas da crianza nas distintas etapas e situacións.
A primeira sesión será o sábado 22 de xaneiro de 11:30 a 13:30 horas no Auditorio da Ramallosa. Haberá servizo de gardaría e as persoas que o precisen deben indicalo no momento da inscrición. A actividade é de balde pero haberá que anotarse escribindo a educacion@teo.gal antes do 20 de xaneiro indicando os datos e un teléfono de contacto.
Este primer relatorio tratará o acompañamento no uso saudable das novas tecnoloxías (internet, videoxogos, redes sociais…).
A escola de familias está dirixida aos pais e nais de nenos/as dende Infantil a Secundaria. Durante os vindeiros meses farase un repaso por temas como a educación afectivo-sexual, as adiccións, resolución de conflitos. Tamén se atenderán as demandas de información e formación que formulen as familias.
María López, concelleira de Educación, destaca que a escola de familias “quere ser un espazo de coidado e de sostén”. “A crianza presenta retos constantes e moitas veces precisamos compartir inquedanzas ou mesmo ver que a comunidade se atopa con situacións similares e que non estamos sós nesta aventura” explica a concelleira.
A escola de familias terá unha sesión mensual ata o mes de xuño, momento no que se analizará coas persoas participantes o funcionamento e os temas de interese para futuras sesións. As persoas interesadas poderán participar nunha ou en varias sesións xa que os temas abordaranse dun xeito individual en cada xornada.
Relatora
A relatora da escola vai ser Belén Montesa, psicóloga xeral sanitaria con formación en sexoloxía, terapia familiar, experta en drogodependencias e psicoterapia de grupos.
Ten unha ampla experiencia en trastornos aditivos e é unha profesional que colabora con numerosos centros educativos polo que está en permanente contacto coa realidade dos nenos/as, sobre todo na adolescencia.
