Bisbarra, 16 de xaneiro do 2024 – Este ano o Entroido chega, como se acostuma a dicir, moi alto e os Xenerais do Ulla o abrirán o vindeiro día 20 en Oza, Teo.

O Entroido tradicional do Ulla, os Xenerais, comezan a andadura para a que levan un ano traballando. Teo abre deste xeito o Entroido en toda a comarca. Trátase dunha festa declarada de Interese Turístico de Galicia no 2013 e nela participan, ademais de Teo, A Estrada, Boqueixón, Santiago de Compostela, Silleda, Touro, Vedra e Vila de Cruces.
O mantemento desta tradición é froito do traballo das asociacións e comisións das parroquias participantes, que son os principais impulsores e dinamizadores desta celebración. Os Xenerais de Ulla, as comparas e correos, percorrerán Oza e a partir das sete e media da tarde estarán no campo de fútbol da parroquia.

A seguinte parroquia será Lucí, cuxo atranque está previsto para o sábado 27 de xaneiro ás 19:30 horas no campo da festa. Ao día seguinte, será a quenda de Rarís, cuxo atranque está programado para as 19:30 horas no campo da festa.
Xa en febreiro, o Entroido dos Xenerais da Ulla percorrerán as parroquias de Reis e Cacheiras, ambas con dúas xornadas de celebración. A primeira fin de semana (3 e 4 de febreiro) será en Reis. O sábado o atranque terá lugar no campo da festa, mentres que o domingo será no aparcadoiro municipal. En ambos casos, a partir das 19:30 horas.
Pechará o Entroido a parroquia de Cacheiras, o sábado 10 e domingo 11 de febreiro. Porén, só haberá atranque o domingo a partir das 19:30 horas no campo novo da festa.
Historia
O Entroido dos Xenerais da Ulla remonta as súas orixes á primeira metade do século XIX e baséase nos enfrontamentos bélicos que se viviron na comarca nese período: a invasión do exército napoleónico, a revolución do 1846 ou as guerras carlistas.
As personaxes máis importantes son os xenerais e os correos a cabalo, que percorren as parroquias ao longo do día dando vivas a veciños e visitantes, acompañados dun “exército” de abandeirados, coros, comparsas e parrandas. Rematan escenificando un atranque ou alto, enfrontamento dialéctico por parellas, aproveitado para facer burla e sátira de asuntos locais, de política ou do corazón.