Bisbarra, 28 de decembro do 2023 – Teo soluciona un dos problemas de fináis do anterior mandato habilitando un depósito de vehículos abandonados ao carón do punto limpo.
O novo depósito municipal está situado no lugar da Lagoa en Recesende. Ten unha superficie de 500 metros cadrados e capacidade para albergar 25 vehículos. Conta cun cerrado realizado con postes de formigón de dobre T sobre un muro de formigón, de maneira que non forma un peche opaco pero mantendo a suficiente seguridade ante posibles actos vandálicos.
Con esta mellora de servizos, o Goberno municipal optimiza así a recollida de vehículos que son abandonados no concello, cumprindo coa Lei de seguridade viaria. Ademais, cómpre ter en conta que este tipo de coches convértense tamén en foco de contaminación ambiental, xa que no seu interior ou debaixo do mesmo acumulan lixo e residuos. Unha cuestión que, ao ser concentrados agora nun único punto, se poderá minimizar para o ben do medio en xeral e da veciñanza de Teo.
Este depósito fora motivo de disputa pola intención do anterior goberno de situalo ao carón da Casa Común da Ramallosa. Finalmente non se construíu pero o problema dos vehículos abandonados era unha das queixas contantes da veciñanza e que agora queda resolta.