Bisbarra, 10 de xuño do 2024 – Compostela descarta ampliar a liña 6 do bus urbano, para que chegue ata Cacheiras, e Teo optará por buses lanzadeira que conecten co servizo.
Compostela descarta ampliar a liña dos Tilos ata Cacheiras por distintos motivos. O concello de Santiago explica que o percorrido forma parte dun convenio asinado pola Xunta de Galicia, o concello de Teo e o de Santiago, dando a entender que tería que ser modificado.
Teo dixo que asumiría os custos pero Compostela engade que se terían que mercar autobuses e contratar condutores. Por outra banda o informe de TUSSA, a empresa de transporte urbano de Santiago, lembra que o transporte entre concellos e competencia da Xunta no chamado transporte metropolitano.
Sobre a nova ruta, cando comece o novo contrato, que, na práctica, unirá o Milladoiro con Oroso; desde Santiago explícase que non é homologable xa que discorrerá sempre por terreos do concello.
Autobuses lanzadera
Desde Teo lamentan a decisión do concello de Santiago. A alcaldesa, Lucía Calvo, lembra que foi unha das primeiras demandas que realizou, en agosto do 2023, e que pretendía conectar coa capital galega a preto de 9.000 persoas que viven nas parroquias dos Tilos e na de Cacheiras, e que se desprazan principalmente por motivos laborais ou de formación académica.
Esta proposta pretendía, tal e como manifestara daquela a rexedora teense, conectar o máximo de usuarios posible e aliviar así o tráfico rodado cara a Santiago, o que tamén supoñía vantaxes de respecto co medio. Unha mellora substancial para a veciñanza de ambos concellos, práctica e sustentable.
A alcaldesa de Teo non entende a razón desta negativa, xa que por tempos non pode ser -tal e como reiteraron desde a capital galega-, xa que o propio Concello de Santiago anunciou unha liña que une tres concellos -Santiago, Ames e Oroso- cunha frecuencia de 30 minutos.
Tampouco se debe a un problema orzamentario, posto que a ampliación desde Os Tilos ata o Gadis de Cacheiras correría a cargo das arcas públicas de Teo “Non ten razón de ser negarse a ampliar esa liña, xa que pesan máis os beneficios para ambos municipios e para a xente que vive e traballa neles”, manifestou Calvo de la Uz.
Con todo, a rexedora teense anunciou que se vai implementar unha liña piloto dun bus lanzadeira conectando os núcleos da Ramallosa, Cacheiras e Montouto co bus urbano que pasa polos Tilos, sendo o seu transbordo gratuíto para os usuarios.