Bisbarra, 30 de xaneiro do 2025 – Tras pasar pola aprobación do pleno municipal onte mércores o concello de Teo cederá unha parcela nas Galanas á Xunta de Galicia para que se destine a vivenda pública.

A parcela de Teo está situada na rúa Cernadelo, no lugar das Galanas, parroquia de Calo. Trátase dunha parcela cunha superficie de 1.985,10 metros cadrados, que segundo o planeamento municipal, está destinada á construción de vivenda plurifamiliar e que forma parte do Patrimonio Municipal do Solo.
Tal e como se recolle na Proposta, esta cesión gratuíta redunda de maneira evidente e positiva en beneficio dos habitantes do termo municipal na medida en que a construción de vivenda é un dereito dos cidadás e unha obriga das Administracións Públicas, tendo a súa execución un impacto positivo e evidente para os habitantes do Concello.
Todos os grupos estiveron de acordo coa cesión pero criticaron o xeito de levala ao pleno, de xeito urxente sen pasar por comsións. A alcaldesa explicou a necesidade de axilizar os trámites e a emisión de informes previos obrigou a utilizar esta fórmula.
Unha vez aprobada esta Proposta o expediente de Teo pasa a información pública polo prazo de vinte días mediante o seu anuncio no Boletín Oficial da Provincia e no taboleiro de anuncios do Concello, para que as persoas interesadas poidan presentar as alegacións que consideren pertinentes.
No caso de que non houbera ningunha alegación, o acordo quedará definitivamente adoptado e farase público no BOP da Coruña.